A Xunta salienta que o compromiso de Pemex para construir 14 remolcadores nos estaleiros galegos é firme

As informacións xurdidas sobre a contratación de 21 buques en México corresponden a un concurso internacional convocado por unha filial de Pemex que non interfire co convenio da Xunta de Galicia
Pemex asinou un acordo co Goberno galego onde amosa o seu compromiso de construír 14 remolcadores, ademais da posibilidade de levar a cabo un flotel e de converter o Porto Exterior de Punta Langosteira na súa base loxística
O presidente da Xunta xa avanzou a pasada semana que, antes do 10 de xullo, levaranse a cabo os primeiros encontros entre os estaleiros mexicanos e galegos para comezar a concretar prazos
O convenio coa petroleira mexicana abre grandes posibilidades de negocio para o sector naval galego
 

Santiago, 22 de xuño de 2012.- A Xunta de Galicia salienta que o compromiso da petroleira mexicana Pemex coa Xunta de Galicia continúa avanzando, tal e como se anunciou tras o convenio asinado polo presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, e o director xeral da compañía, Juan José Suárez Coppel, na súa visita a Galicia.

Neste sentido, a Xunta salienta que as noticias sobre unha contratación de 21 buques en México non interfiren no acordo asinado con Galicia, xa que corresponden a un concurso internacional convocado por unha filial da petroleira mexicana para desenvolver outras construcións navais.

O convenio coa Xunta de Galicia, asinado o pasado mes de maio, materializase nun pedido de 14 remolcadores, a metade dos cales construiranse integramente nos estaleiros galegos e a outra metade en colaboración con México. O acordo complétase cun barco flotel e a posibilidade de que o Porto Exterior de Punta Langosteira, na Coruña, se converta na base das operacións loxísticas de Pemex para toda Europa.

Os prazos están a avanzar de cara a formalización destas contratacións e, de feito, o pasado venres o presidente da Xunta de Galicia reuniuse co Consejero Delegado de Pemex Internacional de España, José Manuel Carrera Panizzo, nunha reunión na que reafirmouse o compromiso e anunciouse un encontro entre estaleiros mexicanos e galegos antes do 10 de xullo, no que participarán representantes de Pemex e a Xunta de Galicia.

Ademais, esta mesma semana anunciouse a ampliación da colaboración entre a Xunta e Pemex, que solicitará ofertas económicas a Navantia e a outros estaleiros galegos para a construción de dous quimiqueiros.

O acordo con Pemex abre grandes posibilidades de negocio para os estaleiros galegos e cómpre lembrar a importancia desta alianza estratéxica coa cuarta petroleira do mundo e a empresa máis grande de América Latina.