Conde anuncia encontros entre estaleiros galegos e Pemex para avanzar na alianza estratéxica coa petroleira

O conselleiro de Economía e Industria sinala que esta semana se celebrarán dúas reunións importantes para concretar a construción dos floteis de Navantia e Barreras e para avanzar na licitación dos 25 buques que formarán parte da flota menor da compañía mexicana

Exixe a Navantia que concrete investimentos específicos que permitan que o estaleiro poida ser competitivo no ámbito das reparacións

Sobre a problemática das preferentes, Conde remarca que máis de 13.000 aforradores están a recuperar os seus cartos por medio da arbitraxe

Santiago, 10 de febreiro de 2013.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe que esta semana se levará a cabo unha reunión entre Navantia, Barreras e Pemex para concretar diferentes aspectos da construción dos floteis. Nunha entrevista emitida hoxe na Radio Galega, Conde anunciou tamén para os próximos días un encontro entre a petroleira e estaleiros galegos e mexicanos, na que avanzarán na licitación dos 25 buques que formarían parte da renovación da flota menor de Pemex.

Ademais destes dous proxectos concretos, froito da alianza estratéxica establecida entre a Xunta e a petroleira mexicana, Conde reiterou que a posición da Xunta con respecto ao naval de Ferrol non ten mudado, "carga de traballo ou dique flotante" e instou de novo a Navantia á creación dun pool de investidores capaces de financiar as infraestruturas necesarias para que o estaleiro ferrolán poida converterse “nun centro de reparacións de referencia”.

No tocante á recuperación económica e o emprego, o conselleiro sinalou que “o máis importante é crear as condicións para que as empresas sexan competitivas e xerar confianza" para o que sinalou que a Xunta está a “desenvolver políticas activas en eidos como a innovación e a internacionalización que esperemos que dean resultados no curto e no medio prazo”.

Conde tamén se referiu á problemática das preferentes, subliñando que a Xunta puxo á disposición dos aforradores que foron vítimas dunha mala comercialización a arbitraxe, a fórmula máis efectiva e áxil para recuperar os seus cartos, “e que ten permitido que máis de 13.000 persoas puideran recobrar os seus aforros".

Colaboración con concellos e FEGAMP no eido enerxético
En relación co aforro e a eficiencia enerxética, Conde salientou a estreita colaboración cos concellos e a FEGAMP e anunciou que aos servizos que se lles ofrece a través do Inega, como un optimizador da factura que xa utilizan 67 concellos, se sumará proximamente unha nova ferramenta que permitirá a realización de auditorías enerxéticas en liña.