Confirma que a Consellería está a traballar nestes momentos na culminación do proceso expropiatorio das variantes de Verea e Bande

Hernández ratifica aos alcaldes da Baixa Limia o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da estrada entre Verea e a fronteira con Portugal

Os primeiros datos da autovía Ourense-Celanova indican que apenas un mes despois da súa posta en servizo rexistra unha intensidade media no entorno dos 4.000 vehículos ao día, o que supón captar o 50% dos tráficos da estrada autonómica OU-540

 

Compartir
  • whatsapp

Ourense, 05 de marzo de 2013.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, mantivo hoxe unha reunión solicitada polos alcaldes de Verea, Lobeira, Muiños, Bande e Lobios, aos que trasladou o compromiso da Xunta coa mellora da estrada OU-540 (Ourense-fronteira portuguesa) no tramo entre Verea e o límite con Portugal, logo da posta en servizo da autovía entre Ourense e Celanova.

Hernández, que estivo acompañado na reunión polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, informou aos rexedores dos primeiros datos da nova autovía, que apenas un mes despois da súa posta en servizo rexistra unha intensidade media no entorno dos 4.000 vehículos ao día, o que supón captar o 50% dos tráficos da estrada autonómica.

O conselleiro explicou que o compromiso da Xunta non rematou cos execución da autovía, na que se investiron máis de 120 millóns de euros, e ratificou que se continúa coa tramitación da mellora da estrada OU-540, no treito ata Portugal. Proba diso, segundo o responsable de obras públicas da Xunta, é que se está a traballar na culminación dos expedientes expropiatorios da variantes de Vera e Bande, actualmente en marcha.

A autovía, que se inaugurou a finais do pasado mes de xaneiro, supón unha oportunidade non só para os veciños da comarca de Celanova, senón para todo o sur da provincia que agora está mellor comunicado coa capital da provincia e co resto de vías de alta capacidade, o que supón un cambio radical na vertebración territorial dunha ampla zona de Ourense.

 

Imaxes relacionadas