Vázquez Abad é nomeado xuíz honorario do Couto Mixto e asiste á presentación das pinturas murais recuperadas por Patrimonio na igrexa de Santiago de Rubiás

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a asociación Ponte nas Ondas son as figuras condecoradas este ano pola Asociación de Amigos do Couto Mixto (AACM)

O departamento autonómico, por medio da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, levou a cabo a recomposición das pinturas datadas entre os séculos XV e XVI ocultas durante centos de anos baixo o cal na sancristía de Santiago de Rubiás dos Mixtos, que agora se abren ó público
 

Calvos de Randín (Ourense), 13 de xullo de 2013
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, foi nomeado hoxe Xuíz Honorario do Couto Mixto en recoñecemento ao seu traballo en prol da memoria histórica. No encontro tamén se presentaron oficialmente as pinturas murais renacentistas recuperadas dos muros da sancristía da igrexa de Santiago de Rubiás, como resultado dun proxecto posto en marcha pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Como é tradición, os Homes de Acordo abriron a arca que simboliza o Couto Mixto coas tres chaves datadas do século XV para depositar a documentación xerada no último ano sobre este territorio. Logo de tomar os atributos que se lles entregan ós Xuíces Honorarios, o conselleiro asegurou recibir “esta honra como compromiso de rexeneración democrática. O exemplo histórico do Couto Mixto, o seu xuíz e Homes de Acordo son para min, a partir de hoxe, a mellor guía da conduta política”.

Para amenizar o acto, o dúo musical 2naFronteira, formado pola cantante Carme Pením -arraigada a Meaus- e o músico italiano Maurizio Polsinelli, presentou varias composicións dedicadas á zona, entre as que destacou a Nana do Couto Mixto.

Unha xoia artística
No que se refire á sancristía de Santiago de Rubiás, cómpre lembrar que no ano 2012 a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural puxo a andar as obras de restauración das súas pinturas murais, para as cales se destinaron 57.714 euros. A igrexa, cuxo atrio era o Parlamento do Couto Mixto, tiña as paredes recubertas por unha capa de cal que ó ser eliminada revelou unha xoia renacentista en Galicia: doce pinturas de tamaño natural datadas entre os séculos XV e XVI que representan escenas de iconografía relixiosa.

Así mesmo, é importante recordar que a Consellería de Cultura e Educación tamén investiu 20.872 euros na restauración do retablo de San Ramón. Durante estas labores de rehabilitación, detectouse que no resto da igrexa existen numerosas manifestacións de interese artístico que deben, no futuro, ser obxecto dunha intervención de recuperación. Polo pronto, Patrimonio apunta que está prevista a reparación da cuberta do espazo da sancristía.

A ‘Andorra galega’
Dende o século XII e ata o Convenio de Lisboa de 1864, o Couto Mixto era un territorio con autonomía política e administrativa situado entre os actuais municipios de Baltar e Calvos de Randín, nos lugares de Santiago, Rubiás e Meaus. A orixinalidade da súa propia organización, independente das coroas portuguesa e española, fai que se asocie ó funcionamento dunha república democrática rexida polo autogoberno. O Couto Mixto contaba cunha serie de privilexios e dereitos especiais, coma o de asilo, o de non dar soldados, o de dispensa de impostos, o de liberdade comercial e de cultivo ou o de exención de nacionalidade.

A chave da memoria histórica
A Asociación de Amigos do Couto Mixto fundouse en 1998 baixo a iniciativa dun grupo de persoas convocadas pola Fundación dos Premios da Crítica Galicia. A súa finalidade céntrase en recuperar a memoria histórica desta “república esquecida”. Dende o ano 2000, o Couto Mixto nomea anualmente ós Xuíces Honorarios entre aquelas personalidades ou institucións que destacan no seu labor cultural e etnográfico. En lembranza da figura xurídico-administrativa que rexía os destinos daquel pobo, fáiselle entrega ós galardoados dunha copia da chave do século XV que abre a simbólica arca do Couto Mixto, un bastón que representa a vara de mando e un diploma acreditativo.

A asociación, presidida polo historiador Luís Manuel García Mañá, leva nomeado Xuíces Honorarios a máis de corenta personaxes públicos e entidades, tales coma os académicos Xosé Luís Méndez Ferrín e Francisco Fernández del Riego, os artistas María do Ceo e Carlos Núñez ou as universidades de Vigo e Tras dos Montes (Portugal). No presente 2013, ademais de Vázquez Abad, outorgóuselle este galardón á asociación pedagóxica e cultural Ponte nas Ondas.

 

Imaxes relacionadas