Xunta de Galicia

A Consellería de Cultura e Educación acompaña a Xosé Neira Vilas na presentación da obra ‘Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino’, editada por Ir Indo

O secretario xeral de Política Lingüística participou este serán no acto no que se deu a coñecer o libro que recompila textos da autoría de preto dun cento de escritores galegos, centrados no escritor e académico da lingua e no personaxe protagonista de ‘Memorias dun neno labrego’

Vigo, 14 de xaneiro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán na presentación da obra “Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino”, editada recentemente por Ir Indo. No acto, que tivo lugar na biblioteca municipal Neira Vilas do Calvario, en Vigo, participaron tamén, amais do propio Xosé Neira Vilas, o editor, Bieito Ledo; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o coordinador do libro, Avelino Muleiro.

“A mestría literaria de Xosé Neira Vilas, a súa entrega a Galicia e as súas virtudes humanas son carta de presentación deste patriarca das letras galegas do noso tempo e tamén mostra abonda do éxito e da repercusión internacional da súa obra, á que tanto lle deben a literatura e a cultura propias”, dixo o secretario xeral.

García Gómez referiuse á figura de Balbino como “o personaxe literario galego por excelencia que foi quen de trasladar as vivencias dun neno aldeán da Galicia do primeiro terzo do século XX, orgulloso sempre da súa condición de labrego, e de facer partícipe ao público lector das inxustizas sociais padecidas polos rapaces da súa condición denunciando, entroutras, a marxinación da lingua galega en ámbitos hoxe inimaxinables”.

‘Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino’
A nova obra editada por Ir Indo intégrana preto dun cento de textos da autoría de escritores galegos que reflexionan arredor da obra do autor cruceño, da Galicia na que se encadran as “Memorias dun neno labrego” e de Balbino: Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Valentín Arias, Xosé Luís Axeitos, Xoán Babarro, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Herminio Barreiro, Alfonso Becerra de Becerreá, Xosé Manuel Beiras, Uxía Blanco, Darío Xohán Cabana, Xosé Carlos Caneiro, Pepe Carballude, Ramón Caride Ogando, Fina Casalderrey, Ramón Chao, Perfecto Conde, Suso de Toro, Isaac Díaz Pardo, Lois Diéguez, Xosé María Dobarro Paz, Xabier P. Docampo, Marga do Val, Alfonso Eiré, Miguel Anxo Fernán Vello, Francisco Fernández del Riego, Francisco X. Fernández Naval, Agustín Fernández Paz, Francisco Fernández Rei, Manuel Ferreiro, Xan Fraga Rodríguez, Víctor F. Freixanes, Emilio C. García Fernández, María Pilar García Negro, Xosé Lois García, Lupe Gómez, Marcial Gondar Portasany, Ismael González Díaz, Eva González Esteban, Bernardino Graña, Baldomero Iglesias, Jaureguízar, Cipriano Luis Jiménez Casas, María do Carmo Kruckenberg, Margarita Ledo Andión, Xosé María Lema Suárez, Felipe-Senén López, Basilio Losada, Albino Mallo, Xosé Manuel Martínez Oca, Carlos Mella, Xosé Luís Méndez Ferrín, Mini, Xerardo Moscoso Caamaño, Avelino Muleiro García, Alexandre Nerium, Camilo Ogando Vázquez, David Otero, Cándido Pazó, Andrés Pociña, Avelino Pousa Antelo, Victoriano Pérez Nieto, Luís Quinteiro Fiúza, Xesús Rábade Paredes, Ramón Regueira, Armando Requeixo, Manuel Rivas, Salvador Rodríguez, Blanca-Ana Roig Rechou, Euloxio R. Ruibal, Marcos Seixo Pastor, Siro, Olegario Sotelo Blanco, Anxo Tarrío, Andrés Torres Queiruga, Xulio Valcárcel, Xosé Vázquez Pintor, Dolores Vilavedra, Miro Villar e Helena Villar Janeiro.

Inclúe, tamén, máis de medio cento de breves fragmentos doutros testemuños de autoría galega e preto dunha vintena de testemuños estranxeiros, poemas de Neira Vilas acompañados das partituras que os musicaron, o Alalá de Balbino e cinco apéndices que achegan imaxes dalgunhas cubertas das 31 edicións en galego e 5 en castelán do libro máis editado, traducido e vendido da literatura galega (máis de 700.000 exemplares); referencias a estudos, ensino e traducións da obra inaugural da literatura galega infantil e xuvenil a outras linguas (traducida a 15, en preparación noutras dúas e con edición en braille); adaptacións audiovisuais e escenográficas; a mostra “Querido Balbino 1961-2011: 50 anos de Memorias dun neno labrego”, que impulsou a Xunta de Galicia para levar a máis de 40 localidades galegas; bibliografía publicada por Neira Vilas desde 1960 e recoñecementos.

 

  • whatsapp