Alberto Núñez Feijóo reuniuse esta tarde con Emilio Lozoya, director xeral de Pemex

O presidente da Xunta destaca o cumprimento do acordo estratéxico con Pemex e a vontade da petroleira mexicana e de Galicia de seguir colaborando

As relacións “entre Galicia, España e México son unhas relacións non soamente estreitas, senón cada vez máis intensas e máis satisfactorias”, sinala

Destaca o recoñecemento do pobo galego e do presidente da Xunta á petroleira mexicana “por ter satisfeito e por ter honrado a palabra dada a Galicia”

A reunión ten servido para constatar “que queremos seguir traballando desde Galicia con Pemex e con México, queremos seguir colaborando entre España e México porque temos moitas cousas que facer xuntos”, subliña

Cualifica de “moi frutífero” o encontro que mantivo co ministro de Desenvolvemento Agrario, Territorial e Urbano, Jorge Carlos Ramírez, no que se estableceron “puntos de contacto” para que empresas galegas de enxeñaría optar a participar no plan iniciado polo Goberno mexicano en materia de construción civil e infraestruturas

México D.F., 14 de marzo de 2014
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu hoxe ao director xeral de PEMEX, Emilio Lozoya Austin, que se teña cumprido o acordo estratéxico asinado con Galicia, pois iso, sinalou, demostra que “as relacións entre Galicia, España e México son unhas relacións non soamente estreitas, senón cada vez mais intensas e máis satisfactorias”.

Durante o encontro, -no que tamén participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde López-, Núñez Feijóo e Lozoya repasaron os acordos que xa se teñen materializado entre Galicia e a petroleira. A este respecto, o titular da Xunta quixo transmitirlle ao director xeral de Pemex “o agradecemento do Goberno galego e do pobo galego coa concreción e a contratación de dous floteis, un na ría de Vigo, e outro na ría de Ferrol; e tamén outros barcos adicionais na ría de Vigo, concretamente no estaleiro Barreras”.

“Culminouse un acordo estratéxico que asinou a Xunta de Galicia e Pemex xa no ano 2011. Ese acordo estratéxico xa se concretou en pedidos, cun importe aproximado de 600 millóns de dólares”, remarcou Feijóo, destacando o recoñecemento do pobo galego e o seu propio recoñecemento como presidente da Xunta “por ter satisfeito e por ter honrado a palabra dada por Pemex a Galicia”.

Durante a xuntanza, o presidente da Xunta e o director xeral de Pemex tamén abordaron o desenlace da contratación da flota menor, tanto remolcadores como barcazas e buque-tanque (ou buque multipropósitos), unha flota menor que, segundo lle confirmou o propio Lozoya, a Secretaría General de Marina concretará nas próximas semanas os estaleiros adxudicatarios.

O mandatario autonómico tamén aproveitou o encontro para transmitir “que queremos seguir traballando con Pemex, queremos seguir traballando desde Galicia con Pemex, con México e queremos seguir colaborando entre España e México porque temos moitas cousas por facer xuntos”. Feijóo lembrou que México é a terceira economía de América, un país de preto 120 millóns de cidadáns, “que cada vez está facendo as cousas mellor, que está facendo reformas estruturais na súa economía e que, sen dúbida, a converterá nun dos grandes países do mundo”, indicou. “A nosa alianza estratéxica con Pemex é unha alianza que queremos que dure moito tempo e esperemos que así sexa”, concluíu Feijóo ao respecto.

Contactos co Goberno mexicano
Co obxectivo de afondar nestes intereses comúns, a axenda do titular da Xunta en México arrancou cun encontro co ministro de Desenvolvemento Agrario, Territorial e Urbano, Jorge Carlos Ramírez. Ambos os dous coincidiron en que as empresas galegas do sector da enxeñaría teñen moitas oportunidades de mercado no plan iniciado polo Goberno mexicano en materia de construción civil e infraestruturas para o desenvolvemento e recuperación de zonas urbanas nas principais cidades mexicanas.

Feijóo asegurou que foi un primeiro encontro “moi frutífero” que “imos intensificar”, e apuntou que, nel, “establecemos puntos de contacto para que empresas galegas poidan presentar as súas credenciais, os seus antecedentes, os seus volumes de facturación e de cadros de persoal para traballar en obra pública do Goberno Federal e dos Estados Unidos de México”.

Na xornada de mañá, o presidente da Xunta manterá diversos encontros de carácter económico con empresarios galegos afincados no país mexicano. Segundo indicou, a finalidade destes encontros é seguir traballando na internacionalización da economía galega. O obxectivo, sinalou, é “exportar desde Galicia a México e tamén facilitar investimentos mexicanos en Galicia”. Neste caso, citou o exemplo de Pemex que, segundo apuntou, “deunos ese dobre xogo: investiu nun estaleiro galego e, á súa vez, deu carga de traballo a outros”.

Mañá, o presidente galego tamén terá a oportunidade de visitar á colectividade de emigrantes en México, onde viven máis de 11.000 galegas e galegos.

 

Audio (3) con las declaraciones del presidente de la Xunta sobre el encuentro con el director general de Pemex
Imaxes relacionadas