Cores Tourís coñeceu o proxecto Compostela 2M21 co que se pretende conseguir a recuperación económica e laboral de Vilagarcía

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá un encontro co despacho de arquitectos que lidera esta iniciativa e que ten coma obxectivo devolver a capital arousana a súa relación histórica co mar

Permitiría recuperar a fachada marítima da vila e xeraría, segundo os seus impulsores, a lo menos 3.000 novos postos de traballo
 

Pontevedra, 28 de maio de 2014.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, coñeceu esta mañá a proposta de rexeneración da fachada de Vilagarcía de Arousa realizada polos representantes do despacho de arquitectos Sánchez Agustino.

O arquitecto José Luis Sánchez presentoulle ao delegado territorial a proposta de transformación da fachada desta localidade que ten coma obxectivo devolver a capital arousana a súa relación histórica co mar e coa praia e potenciar así o turismo, de cara a conseguir a recuperación económica e laboral da vila. “Este proxecto lograría xerar, como mínimo, 3.000 postos de traballo e, a maiores, permitiría a Vilagarcía volver a atraer turismo, o que beneficiaría tamén a toda a comarca do Salnés”, explicou o responsable do despacho de arquitectos creador desta proposta.

Ata o momento, segundo apuntou Sánchez, presentouse xa este proxecto aos sectores económicos de Vilagarcía, sindicatos e partidos políticos. “Agora queremos ir máis alá e comezar a facelo coñecido entre as administracións como é a Xunta de Galicia, xa que se trata dun proxecto que necesitaría a implicación de todos, ao depender de diversos permisos”, engadiu.

O proxecto suporía a prolongación da praia da Compostela que permitiría a rexeneración da praia da Concha, xerando un areal de 1,4 quilómetros cun paseo peonil de 1,5 e diversas pasarelas. Ademais, ampliaríase o peirao de recheo pasando dos actuais 400 amarres aos 1.000 e instalaríase un carril bici con 3.800 metros cadrados para comercios e servizos.

“O mellor desta obra sería o seu baixo custo, xa que roldaría os 40 millóns sen que se intervira na cidade e aproveitando o que xa hai, é dicir, o propio Ramal que hoxe en día non ten uso sería reutilizado para a execución do paseo e incluso a propia area actual daría para boa parte da praia, aínda que outra tería que ser aportada para completar a nova praia”, matizou o director do despacho de arquitectos arousano.

Un dique para separar zona de marisqueo e baño, “devolvendo parte do areal aos mariscadores”, piscinas climatizadas, areneros para deportes de praia, servizos para discapacitados e pistas deportivas e de ocio completarían o proxecto.
 

Imaxes relacionadas