O conselleiro de Cultura e Educación participa na entrega dos ‘X Premios Rosalía de Castro’

O certame recoñece o traballo de autores do resto do Estado español e dos sistemas literarios portugués, catalán, éuscaro e hispanoamericano

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2014
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe na entrega dos X Premios Rosalía de Castro, un galardón organizado polo Centro Pen Galicia e a Consellería, e que conta tamén co apoio da Universidade de Santiago de Compostela.

Vázquez Abad explicou que estes galardóns “levan un nome que representa a Galicia enteira, que transcende e que perpetúa a memoria e a obra dunha poetisa universal, figura cimeira do noso rexurdimento político e literario no século XIX: Rosalía de Castro”. En opinión do conselleiro, “esta vinculación a Rosalía foi moi acertada e confírelle maior categoría a estas distincións outorgadas polos propios escritores galegos”.

Na sesión literaria de entrega de premios, que se celebrou no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, recolleron unha placa artística conmemorativa os galardoados nesta décima edición, Artur Carlos Maurício Pestana dos Santos ‘Pepetela’ (Angola), Antoni Serra (Mallorca), Kirmen Uribe (Bilbao) e Claudia Piñeiro (Arxentina). Esta última autora non puido acudir por problemas de saúde.

Segundo o titular de Cultura e Educación, “tanto os galardoados hoxe, como outros moitos autores que seguen a estar presentes no panorama da Gran Literatura, son os mellores embaixadores dunha das máis vellas expresións lingüísticas de Europa: as Letras Galegas”. O conselleiro animou a todos estes intelectuais a seguir apoiando iniciativas que promovan a literatura galega e que a fagan máis visible fóra deste país”, e parafraseando a Xosé María Díaz Castro, pediulles aos escritores alí reunidos que sigan “alumando o mundo con fachos de palabras, poñendo luz na noite”.

Ao acto asistiron, ademais, o reitor en funcións da USC, Juan Casares Long; o presidente do Centro Pen Galicia, Luís González Tosar; e os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente.

Dezaoito anos de historia
O galardón literario, que ten unha periodicidade bianual, foi instituído polo PEN en 1996 a iniciativa de Carlos Casares e ten como obxectivo recoñecer o traballo dos escritores do resto do Estado español e dos sistemas literarios portugués, catalán, éuscaro e hispanoamericano.

A relación dos premiados nas nove edicións anteriores confórmana persoeiros de renome no ámbito das letras internacionais, como José Saramago, Gonzalo Torrente Ballester, António Lobo Antunes, Manuel Vázquez Montalbán, Ricard Salvat, José Ángel Valente, Anjel Lertxundi, Ernesto Sábato, Nélida Piñón, Rubem Fonseca, Isabel Allende, Joan Perucho, Álvaro Mutis, Bernardo Atxaga, Francisco Brines, Pere Gimferrer, Carme Riera, Sophia de Mello, Felipe Juaristi, Mia Couto, Agustina Bessa Luís, Antonio Gamoneda, Itxaro Borda, Francesc Parcerisas, María Esther Vázquez, José Viale Moutinho, Enric Casasses ou Miren Agur Meabe.

Imaxes relacionadas