A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu hoxe a constitución deste novo ente que unificará todos os recursos humanos e materiais da Xunta no eido social, que aglutinará a 300 centros e máis de 4.500 traballadores
Vídeo coas declaracións de Beatriz Mato
A Axencia, que integrará o Consorcio de Igualdade e Benestar, evitará duplicidades e mellorará a eficiencia e a optimización dos servizos públicos de benestar, agrupándoos baixo os mesmos criterios de calidade e incrementando a súa especialización
A integración dos centros e recursos farase de forma progresiva e gradual co obxectivo de non afectar á xestión e usuarios destes servizos
A posta en funcionamento efectiva da Axencia terá lugar nun prazo máximo de 3 meses a partir de hoxe
Mato destacou que este proceso realizarase en colaboración directa cos concellos que seguirán a ter “un papel fundamental” na prestación dos servizos sociais
As administracións locais participarán na Axencia a través da sinatura de convenios de colaboración e cunha importante representación no Consello Reitor
A Xunta constituíu hoxe a Axencia Galega de Servizos Sociais e o seu Consello Reitor, un ente que aglutinará, ao remate de todo o proceso de integración, un total de 300 centros e máis de 4.200 traballadores e traballadoras. Converterase, polo tanto, na Axencia máis grande e complexa de todas as que dependen da Administración autonómica, tanto polo número de centros co que contará, como pola disparidade de servizos que se prestarán. O novo ente unificará, polo tanto, a meirande parte dos recursos dos que dispón o Goberno galego para prestar os servizos sociais.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presidiu hoxe en Santiago a constitución deste novo ente que, segundo afirmou, converterase “nunha excelente ferramenta” para a eficiencia e a optimización dos servizos públicos de benestar de Galicia. Coa constitución hoxe da Axencia, estase a dar cumprimento ao previsto na Lei de Servizos Sociais de 2008 e culmínase un longo e complexo proceso iniciado en xullo de 2010 coa aprobación por parte da Asemblea do Consorcio da súa integración na Axencia.
Principais vantaxes e proceso
A titular de Benestar explicou que as principais vantaxes da Axencia serán evitar duplicidades a través da xestión integral de todos os recursos de benestar; agrupar todos os servizos sociais baixo os mesmos criterios de calidade; dar continuidade á liña de racionalización acometida desde a Administración autonómica; e, por último, incrementar a especialización dos servizos sociais. Neste senso, Mato matizou que a Axencia avanzará da man das novas carteiras de servizos sociais (dependencia, persoas autónomas, inclusión, familia e infancia), que tamén apostan pola especialización, ofrecendo novos servizos e máis axeitados as súas verdadeiras necesidades.
A integración dos centros e recursos na Axencia farase de forma progresiva e gradual para non afectar nin á súa xestión nin aos usuarios. Así, tras o acto da súa constitución e do seu Consello Reitor, o seguinte paso será a posta en funcionamento efectiva da Axencia, que terá lugar nun prazo máximo de 3 meses a partir de hoxe, tal e como recolle o Decreto de creación, publicado no DOG o pasado 4 de abril. Nese primeiro momento, integraranse no novo ente as 27 escolas infantís que na actualidade dependen da Dirección Xeral de Familia e Inclusión. Posteriormente, irá asumindo o resto de centros do Consorcio.
En 2015, tal e como sinalou Mato, todas as escolas infantís e centros do Consorcio deberían estar integrados na Axencia e, cando isto suceda, procederase, entón, á extinción do Consorcio. O último paso será a integración no novo ente do resto de servizos sociais dependentes da Consellería, que se realizará de xeito paulatino, dada a dimensión de recursos materiais e humanos.
Colaboración cos concellos
Mato afirmou que este proceso farase en colaboración directa cos concellos, que seguirán tendo “un papel fundamental” na prestación dos servizos sociais en Galicia. Deste xeito, expuxo que as administracións locais participarán na nova Axencia a través de dous mecanismos básicos.
Por unha banda, a través da sinatura de convenios de colaboración coa propia Axencia. Deste xeito, o grao de implicación dos municipios virá determinado pola súa propia decisión e os concellos que así o desexen poderán seguir participando dentro da Axencia na xestión dos centros actualmente integrados no Consorcio.
Doutro lado, o Consello Reitor da Axencia, que é o órgano superior de Goberno do ente, contará con cinco representantes municipais, a proposta da Fegamp. Pola súa banda, a Administración autonómica contará con 11 representantes. “Isto quere dicir que os concellos van ter unha representación moi importante no órgano de Goberno da Axencia e, polo tanto, van ter voz e voto nas súas decisións”, apuntou a conselleira.
En definitiva, Mato indicou que a nova Axencia contará “cos mellores profesionais” e, grazas a unha organización máis racional, ofrecerá “máis e mellores servizos aos cidadáns”.