A Xunta ultima o procedemento de adxudicación das 32 vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro construídas no barrio ourensán de Covadonga

As familias que resultaron adxudicatarias no sorteo celebrado en xuño do pasado ano recibiron a carta de adxudicación e teñen o prazo de 15 días para a aceptación da vivenda adxudicada, como paso previo á entrega das chaves

Proximamente realizarase o mesmo trámite cos 20 inmobles restantes, adxudicados en réxime de compravenda

Trátase de vivendas de dous,tres e catro dormitorios distribuídas en dous bloques

Ourense, 9 de novembro de 2015
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), realizou hoxe o último trámite, previo á entrega de chaves, do procedemento de adxudicación das 32 vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro construídas no barrio de Covadonga, na cidade de Ourense.

O acto consistiu na entrega da carta de adxudicación a cada unha das familias que resultaron adxudicatarias no sorteo de asignación de vivenda celebrado o mes de xuño do pasado ano. Para establecer as condicións da adxudicación, o IGVS elaborou os estudos económicos personalizados, de maneira que cada adxudicatario paga un prezo diferente en función da superficie da vivenda e dos ingresos ponderados da unidade familiar adxudicataria.

Posteriormente os adxudicatarios coñeceron as súas futuras vivendas e recibiron información sobre o mantemento e a conservación das mesmas e dos espazos e elementos comúns. A partir de hoxe, os adxudicatarios dispoñen dun prazo de quince días para a aceptación da vivenda.

Proximamente tamén se realizará estes trámites coas 20 vivendas restantes construídas en Covadonga e adxudicadas en réxime de compravenda.

Características
Estas vivendas de promoción pública executadas polo IGVS distribúense en dous bloques compostos por unha planta baixa e catro plantas altas, amais de dous sotos dedicados a garaxes e rochos con acceso común.

Das 52 vivendas, dúas están adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Teñen 2, 3 e 4 dormitorios, con superficies comprendidas entre 60,77m2 e 87,73 m2. Contan cunha praza de garaxe entre 30,34 m2 e 42,60m2 e rochos entre 4 e 7 m2. Os inmobles constan de salón-comedor-cociña, dormitorios, baño, aseo, vestíbulo e lavadoiro tendedeiro. A cociña está totalmente amoblada.

Imaxes relacionadas