A Xunta destaca que a proposta de Fepragal de empaquetar os produtos con referencias ao Camiño de Santiago impulsará a actividade nos mercados

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado das directoras de Comercio e de Turismo de Galicia, visitou esta mañá a praza de abastos de Baiona

O novo empaquetado, que inclúe bolsas, caixas de picnic ou vasos para cafés, permite ofrecer unha imaxe renovada e máis homoxénea dos mercados galegos

Conde avoga pola colaboración de todos os axentes económicos e sociais para consolidar as prazas de abastos como centros de dinamización do comercio de proximidade
 

Baiona (Pontevedra), 2 de agosto de 2016
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado da directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou esta mañá o mercado de Baiona, onde a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal) informou do novo programa de empaquetado de produtos que, aproveitando o impacto positivo do Camiño de Santiago, permitirá ofrecer unha imaxe máis renovada dos mercados galegos, ao tempo que impulsará a súa actividade.

Conde agradeceu a Fepragal a súa aposta por esta iniciativa de packaging, enmarcada na iniciativa Mercados no Camiño e que contribuirá a que as prazas de abastos sexan máis competitivas e conten cunha imaxe innovadora e máis homoxénea, ao empaquetar os produtos en bolsas, vasos para tés e cafés ou caixas de picnic nas que se fai referencia ao Camiño de Santiago.

O conselleiro indicou que o Camiño de Santiago axuda a dar a coñecer os mercados galegos, nun ano no que ademais se están rexistrando cifras récord, con preto de 150.000 peregrinos nos primeiros sete meses deste ano, o que converte o Camiño nun escaparate idóneo para informar sobre a calidade do produto local que se vende nas prazas de abastos. Cómpre sinalar que nos mercados participantes na iniciativa os peregrinos poderán selar as súas credenciais. Neste sentido, o municipio de Baiona está incluído no percorrido do Camiño Portugués, xunto a outros concellos como Vigo, Pontevedra, Redondela ou Nigrán. Así, o mercado baionés é un dos 59 que poden visitar os peregrinos durante o seu percorrido cara a Santiago.

Conde avogou por camiñar todos os axentes sociais e económicos na mesa dirección para que os mercados se consoliden como referentes na xeración de emprego e riqueza e, polo tanto, nos principais centros de dinamización do comercio de proximidade.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia destacou que as prazas de abastos son un gran reclamo gastronómico para cada un dos municipios que percorre o Camiño de Santiago. Así mesmo, Nava Castro sinalou que os mercados galegos se converten en grandes escaparates de Galicia como destino actuando como importantes ferramentas de promoción.
 

Imaxes relacionadas