A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio recibe ao catedrático de Economía da Universidade de Vigo e o único membro español, ademais de autor-líder, do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático
Mato Otero recordou que a Xunta traballa desde o inicio da actual lexislatura na Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental, que fomentará a creación dunha economía eficiente e sustentable no uso dos recursos
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou esta mañá os traballos que o departamento que dirixe está a realizar para a redacción da Estratexia Galega de Cambio Climático 2050, ao experto neste eido, Xavier Labandeira, e catedrático de Economía da Universidade de Vigo.
Durante o encontro, celebrado esta mañá, a conselleira indicoulle que esta estratexia será o instrumento planificador no que se detallarán as medidas de observación, mitigación e adaptación ao fenómeno para que a nosa Comunidade poida adecuarse, no posible, a estes cambios. Engadiu que esta estratexia deberá incorporar a consideración do cambio climático na xestión territorial, dado que a axenda 2020 establece que cada rexión debe desenvolver as súas propias estratexias territoriais para a adaptación aos efectos do climático e a mitigación dos mesmos.
A conselleira de Medio Ambiente salientou que o cambio climático é unha ameza real que dende a Consellería traballase para visibilizar e combater este fenónemo.
Recordou que dende o inicio da actual lexislatura, o Goberno galego está a traballar na Estratexia Galega de Sustentabilidade Ambiental, que se centrará en crear unha economía eficiente e sustentable no uso dos recursos e baixa en emisións de carbono. A estratexia, na que está incluída a de Cambio climático, integrará medidas de mellora do entorno empresarial, tendo especialmente en conta ás pemes; así como actuacións para fomentar un consumo informado e responsable.
A conselleira invitou a Labandeira a participar nos proxectos que está a promover a Xunta nesta materia, dado o seu perfil de investigador e experto, xa que Xavier Labandeira é o único membro español -e autor-lider- do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre Cambio Climático (IPCC) de la Organización das Nacións Unidas (ONU). Este grupo de traballo ten como finalidade suministrar ao mundo unha visión científica clara sobre o actual estado de coñecemento sobre o cambio climático e os seus potenciais impactos ambientais e socio-económicos.