Sergas e sindicatos asinaron o Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas do persoal estatutario

Dotaranse con máis de 800 prazas os cadros de persoal do Sergas para a formalización doutros tantos nomeamentos de interinidad

A OPE do ano 2017, sempre que a normativa básica estatal o permita, poderá acadar as 1600 prazas na sanidade pública

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2017.- O edificio administrativo de San Lázaro acolleu hoxe unha xuntanza extraordinaria da Mesa Sectorial de Sanidade, na que se procedeu a asinar o Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde 2017-2018. A reunión estivo presidida pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado Vaamonde.

O Pacto foi asinado cos sindicatos profesionais CEMS-OMEGA, SATSE, así como polo CSIF.

Os obxectivos que o Sergas pretende a través deste Plan é, en primeiro lugar, continuar na aposta pola estabilidade no emprego con medidas de estabilización de persoal temporal, así como a convocatoria periódica de procedementos selectivos para a adquisición da condición de persoal fixo, no que se garantan os principios que rexen o acceso ao emprego público.

Coa execución das medidas de estabilización de persoal temporal previstas neste Plan e a finalización dos procesos selectivos do plan de selección e provisión de prazas, incrementarase en seis puntos a porcentaxe que representa o persoal fixo sobre o total do persoal. Igualmente, reducirase nunha medida moi relevante (dende o 8% actual ata o 5%) a porcentaxe que representa o persoal eventual.

Ademais, con este Plan de Estabilidade, o Sergas reforza o compromiso coa mobilidade dos seus profesionais mediante a convocatoria periódica de concurso de traslados, o que redundará nunha maior satisfacción dos traballadores no seu desempeño profesional e nunha mellor conciliación da súa vida laboral e familiar.

Medidas


As medidas que recolle o plan son, en primeiro lugar, a dotación de 438 vacantes nos cadros de persoal das institucións do Sergas, e a expedición con efectos do 1 de abril de 2017 doutros tantos nomeamentos de interinidade, coa conseguinte redución da porcentaxe de eventualidade.

En segundo lugar, o Sergas comprométese a facer unha análise das necesidades cubertas mediante nomeamentos por acumulación de tarefas que respondan a necesidades de carácter permanente; o que suporá a expedición de aproximadamente 400 novos nomeamentos de persoal interino.

Plan de selección e provisión de prazas


Para dar cumprimento aos obxectivos deste plan en materia de procesos selectivos e mobilidade, o Plan incorpora un cronograma de execución.

Así mesmo, recolle un compromiso de ofertas públicas de emprego nos próximos anos nas porcentaxes máximas que permita a lexislación básica do Estado, incorporando as interinidades existentes, así como as derivadas da execución das medidas de estabilización que se recollen no propio Plan, que tamén serán ofertadas nos concursos de traslados que se convoquen.

Igualmente, a Administración iniciará a negociación das bases dun procedemento de concurso de traslados aberto e permanente, así como o desenvolvemento do procedemento de selección de persoal licenciado sanitario facultativo especialista de área.

Sanidade
Departamento: C. de Sanidade