O presidente da Xunta asistiu esta mañá á posta en servizo da Autovía do Morrazo

Feijóo salienta que a apertura da Autovía do Morrazo marca un antes e un despois na seguridade, mobilidade e competitividade de toda a comarca

Incide en que esta obra supón o maior investimento que ten en marcha a Xunta nunha infraestrutura viaria

Confirma que antes do verán de 2019 estará completado a totalidade do eixe de comunicación que os veciños do Morrazo precisan e agardan

Destaca a solución singular e única en España que se adoptou para preservar integramente o Castro de Montealegre co desdobramento do túnel desde dentro

Destaca a necesidade de que as tarefas de conservación da ponte de Rande finalicen este mes o antes posible

Fai un chamamento para que se active o transporte metropolitano “porque todos os alcaldes do Morrazo, da área metropolitana e de Galicia temos un compromiso cos veciños”

Recorda que, despois da posta en servizo da Autovía do Morrazo, o seguinte obxectivo é a autovía entre Vigo e O Porriño, compromiso do Goberno central

Compartir
  • whatsapp

Moaña (Pontevedra), 11 de maio de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a apertura da Autovía do Morrazo marca un antes e un despois na seguridade, mobilidade e competitividade de toda comarca. “Estamos a falar dunha infraestrutura que proporcionará máis seguridade viaria e unha mellor mobilidade, ademais de ser decisiva para facilitar a conectividade de toda a comarca”, aseverou.

Durante o acto de posta en servizo, Feijóo incidiu en que esta obra supón o maior investimento que ten en marcha a Xunta nunha infraestrutura viaria: con, practicamente, 56 millóns que se materializan na apertura destes dous treitos, entre Rande e Meira, 7 quilómetros que supoñen máis do 65% do trazado e nos que se rexistran as maiores densidades de tráfico, con case 20.000 coches en época estival; e que antes do verán de 2019 sumarán 4 quilómetros máis, ata o enlace de Cangas, rematando para sempre cos atascos e completando a totalidade do eixe de comunicación que os veciños do Morrazo precisan e agardan.

Así mesmo, recordou a máxima adecuación da súa execución ás necesidades reais da comarca e dos seus habitantes, acadando a fórmula para executar o último treito da Autovía mantendo o corredor aberto ao tráfico; atendendo todas as cuestións que trasladaron os cidadáns afectados dalgún xeito polas obras; reforzando os servizos de Transporte Metropolitano e de ambulancia; e dialogando cos alcaldes todas as decisións relevantes relacionadas coa construción da Autovía.

 

Preservación do Castro de Montealegre


Como proba desa vontade de escoitar e de responder, destacou a solución singular e única en España que se adoptou para preservar integramente o Castro de Montealegre, co desdobramento do túnel desde dentro.

Así mesmo, subliñou que co obxectivo de poñer o Catro de Montealegre á disposición da cidadanía, este mesmo ano contrataranse as obras que permitan coñecer os restos que a Autovía do Morrazo sacou á luz. “Será un novo elemento de valor patrimonial e atractivo turístico para esta comarca e para o Concello de Moaña que poñeremos á disposición do patrimonio de todos os galegos”, abundou.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego incidiu tamén na complexidade técnica desta infraestrutura: non só polas peculiaridades do terreo, que dificultan especialmente os traballos nos desmontes, senón tamén pola necesidade de construír 4 viadutos en apenas 11 quilómetros, 3 deles concentrados nos treitos que hoxe se inauguran. Así como pola vontade de poñer en sintonía ao máximo estes traballos cos da ampliación da AP-9, cun acceso directo situado sobre a rotonda de Rande.

Sobre este punto, e ante a apertura desde hoxe da autovía, Feijóo destacou a necesidade de que as tarefas de conservación da ponte de Rande finalicen este mes o antes posible.

No eido da seguridade, Feijóo precisou que o Morrazo é a comarca galega que acapara un maior investimento nesta materia, xa que, ademais desta vía de altas prestacións, se está a traballar para que, entre este ano e o que vén, as estradas autonómicas que atravesan Moaña, Cangas, Bueu e Marín: queden libres de treitos de concentración de accidentes; e se convertan en vías máis humanas, mediante a construción de sendas peonís que faciliten os desprazamentos seguros dos seus veciños.

O presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para facer un chamamento para que se active o transporte metropolitano, “porque todos os alcaldes do Morrazo, da área metropolitana e de Galicia, temos un compromiso cos veciños e os habitantes de Vigo e do Morrazo merecen ter unha tarxeta de transporte co mesmo custo que o resto das cidades”, dixo, cualificando de sorprendente que un cidadán de Cangas, Bueu ou Moaña, por exemplo, poida ter un desconto coa súa tarxeta na cidades da Coruña, Santiago ou Ferrol e non poida ter ese desconto na cidade de Vigo.

Feijóo concluíu recordando que, despois da posta en servizo da Autovía do Morrazo, o seguinte compromiso é a autovía entre Vigo e O Porriño, anunciada polo presidente do Goberno central, cun investimento de máis de 335 millóns de euros.

Imaxes relacionadas