Santiago acolle unha xornada dos socios do proxecto europeo User-Factor de impulso ao deseño e a innovación nas pemes

 A iniciativa celébrase mañá e o mércores e reunirá aos participantes neste programa, entre os que está a Axencia Galega de Innovación (Gain)

Farase un seguimento dos principais retos e tarefas do proxecto que se atopa na actualidade na fase de definición das accións piloto de apoio ao deseño

O proxecto piloto, no caso de Galicia, ten como obxectivo achegar a 25 pemes galegas ferramentas de deseño centradas no usuario para que consigan adaptarse da forma máis áxil posible ás necesidades que demandan os clientes

Esta actuación enmárcase no proxecto Interreg Atlantic Area User-Factor dirixido a fortalecer a innovación en pemes, apoiándoas no uso do deseño como unha ferramenta para a innovación enfocada ao usuario
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2019
Compartir
  • whatsapp

Santiago acolle mañá e o mércores unha xornada dirixida aos socios do proxecto europeo User-Factor, financiado polo programa Interreg Atlantic Area e liderado pola PDR-Cardiff Metropolitan University, unha institución británica dedicada ao deseño e a innovación, que está orientado á creación de estratexias rexionais de deseño e a garantir a súa implantación nas pemes.

A Axencia Galega de Innovación (Gain) participa como socio, ademais, de Scottish Enterprise; Enterprise Ireland; Sociedade Porguesa de Innovaçao CEFI; Chambre de Commerce et d´Industrie de Region Bretagne; Departament of Finance Northern Ireland; e a Asociación de Empresas Tecnológicas Innovalia. Este proxecto iniciouse en febreiro de 2018, e rematará en xaneiro de 2021.

O programa da xornada para mañá inclúe unha reunión dos socios na sede da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo na que na que se fará un seguimento das principais tarefas do proxecto. Ademais, visitarase o taller de xoiaría Noroeste Obradoiro co obxectivo de coñecer unha iniciativa novidosa no campo da artesanía. A xornada trasladarase o mércores á Cidade da Cultura, onde se presentarán os plans de implementación das accións piloto de apoio ao deseño nas empresas que cada socio terá que levar a cabo e achegar e avaliar as accións de apoio ao deseño definidas no marco do proxecto.

O obxectivo do proxecto User-Factor é fortalecer a innovación nas pemes apoiándoas no uso do deseño como unha ferramenta para a innovación, a través dun intercambio de experiencias e do desenvolvemento dunha serie de programas pilotos de apoio ao uso de deseño en pemes. No caso galego, o proxecto piloto ten como obxectivo achegar a 25 pemes galegas ferramentas de deseño centrado no usuario para que consigan adaptarse da forma máis áxil posible ao novo contexto e ás necesidades que demandan os seus clientes.

Este proceso atópase na actualidade na fase de definición da iniciativa e, posteriormente, abrirase un prazo de promoción e captación de empresas interesadas en implementar o piloto de apoio ao deseño. A Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración con asesores externos especializados en deseño de produto e servizos, realizará unha diagnose inicial destas empresas e traballará con elas na definición dun plan de mellora ou na realización dunha planificación dun proxecto concreto, usando unha metodoloxía de pensamento creativo (design thinking).

A participación de Gain neste proxecto, así como no plan europeo Design for Innovation, inscríbese na aposta polo deseño como un factor estratéxico que contribúe á competitividade e ao crecemento económico. O programa autonómico Deseño para a Innovación 2020 persegue, de feito, fomentar a incorporación e a sistematización do deseño nas empresas como motor de innovación e competitividade a nivel global, con especial atención ás pemes. Este programa responde á estratexia europea de fomentar o deseño como factor de innovación.