Elena Mancha Montero de Espinosa toma posesión como directora xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade

Foi nun acto presidido pola titular do departamento, María Jesús Lorenzana

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu esta mañá no complexo administrativo de San Caetano a toma de posesión de Elena Mancha Montero de Espinosa como directora xeral de Relacións Laborais da Consellería.

No acto, a titular do departamento puxo de relevo a traxectoria profesional de Elena Mancha, presentándoa como garante da nova responsabilidade que acaba de asumir. Pola súa banda, a xa directora xeral de Relacións Laborais agradeceu a confianza depositada nela e amosouse disposta a aplicar no novo cargo todo o aprendido ao longo da súa experiencia laboral.

Elena Mancha Montero de Espinosa naceu en Cádiz en 1969 e licenciouse en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, ademais de facer un Máster Superior en Prevención de Riscos Laborais. Funcionaria de carreira do Corpo Superior de Inspectores de Traballo e Seguridade Social desde 1995, ten praza na Coruña desde 1996, momento no que comezou a súa carreira profesional en Galicia.

Así, Mancha Montero de Espinosa exerceu de xefa da Unidade de Seguridade e Saúde Laboral e de Xefa suplente da Inspección de Trabajo da Coruña entre 2010 e 2016, un tempo no que tamén foi titular do Equipo de Valoración de Incapacidades (EVI) no Instituto Nacional de la Seguridad Social. A súa última responsabilidade, antes deste nomeamento como directora xeral de Relacións Laborais, foi como xefa de equipo de Seguridade Social dende 2017 ata a actualidade, un período no que tamén desempeñou o papel de mediadora no Consello Galego de Relacións Laborais. A maiores, exerce como Árbitro de eleccións sindicais dende 2007.

No ámbito docente, Elena Mancha Montero de Espinosa deu clase no Máster da xurisdición social da Escola de Relacións Laborais da Coruña, entre 2017 e 2020. Con anterioridade, foi docente en diversos másters superiores de Prevención de Riscos Laborais con distintas entidades e universidades entre 1998 e 2008.

Así mesmo, a nova directora xeral de Relacións Laborais interveu como ponente en conferencias sobre o Dereito do Traballo en organizacións sindicais e empresariais ao longo de toda a súa carreira profesional.

Imaxes relacionadas