A Xunta achega as súas certificacións de profesionalidade e de recoñecemento da experiencia profesional a máis de 1.000 persoas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de remitir cartas certificadas a 1.304 persoas ante a imposibilidade de entregar as acreditacións en persoa por mor das actuais restricións sanitarias

Os documentos recoñecen de xeito oficial as competencias profesionais que facultan a quen os recibe para o desenvolvemento dunha actividade laboral identificable

Para Lorenzana, os certificados permiten sacar do anonimato o traballo de mulleres e homes en profesións que esixen moito saber e dedicación
 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2020

A Xunta vén de remitir a un total de 1.304 galegos e galegas cadanseus certificados de profesionalidade ou de recoñecemento da súa experiencia profesional, ante a imposibilidade de poder celebrar, como é habitual, un acto público de entrega, por mor das restricións sanitarias. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quixo recoñecer o seu traballo e dirixe a cada un dos destinatarios unha misiva na que fai constar a importancia destas acreditacións que permiten “sacar do anonimato o traballo de miles de mulleres e homes en profesións que esixen dun importante saber e dedicación”.

Lorenzana destaca que a Xunta traballa cada día para “facilitar e axudar a descubrir o enorme potencial profesional de galegos e galegas que teñen demostrado con anos de experiencia unha contribución máis que salientable á riqueza da nosa terra”.

As acreditacións permiten validar de xeito oficial os coñecementos da cidadanía e promocionar a valía das persoas que, a pesar de contar cunha proveitosa vida laboral, non tiñan posibilidade de por en valor o seu exercicio.

Nesta ocasión emitíronse 457 certificacións profesionais e de 847 recoñecementos da experiencia profesional. Entre as cualificacións inclúense: atención sociosanitaria a persoas en domicilio ou institucións, socorrismo, tanatopraxia, docencia en formación para o emprego, operacións auxiliares de fabricación mecánica, vixilancia e extinción de incendios e salvamento, servizos para o control de pragas, xestión de servizo para o control de axentes nocivos e vixilancia e extinción de incendios forestais.

Este recoñecemento resulta fundamental para que o seu talento e esforzo poida ser máis valorado, contando co respaldo institucional a unha cualificación profesional “máis que evidenciada polo bo facer no desempeño da labor”, incide Lorenzana.
A relevancia dos títulos resulta especialmente significativa tendo en conta que cada vez máis sectores están a concretar a necesidade de posuír formación avalada oficialmente para poder desenvolver unha profesión.

A Consellería de Emprego e Igualdade mantén una aposta decidida pola formación de calidade e a acreditación profesional, coa que está plenamente comprometida, co fin de manter a Galicia como referente en España nesta materia.

Imaxes relacionadas