Luisa Piñeiro valora a “forte aposta” da Xunta pola formación e o traballo en Moraña e Valga coa posta en marcha de dous novos obradoiros de emprego

A delegada territorial clausura, cos alcaldes José Cela e José María Bello, a iniciativa laboral 'Ulla-Umia IV', que formou a 20 persoas desempregadas durante o último ano grazas a un investimento de 336.000€

A Xunta destinará 776.000€ ao obradoiro para xóvenes recén iniciado e nunha nova edición do formato dual, que arrancará neste mes de decembro

Moraña, 9 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, valorou esta mañá, na clausura do obradoiro de emprego Ulla-Umia IV no Edificio Multiusos de Santa Lucía, a “forte aposta do Goberno galego pola formación e polo traballo” nos concellos de Moraña e Valga con motivo da concesión de dúas novas iniciativas laborais, a desenvolver ata finais do ano 2021, cun investimento de 776.000€ por parte da Consellería de Emprego e Igualdade.

“Creo que a aposta da Xunta de Galicia pola inserción, a empregabilidade e o impulso ao mercado de traballo queda máis que demostrada nos municipios de Moraña e Valga, que levan catro anos consecutivos con obradoiros conxuntos e que agora van contar con outros dous, xa que veñen de estrearse na modalidade para menores de trinta anos e neste mes comezará outro baixo o formato dual, o que permitirá formar paralelamente a 36 persoas desempregadas”, explicou Luisa Piñeiro.

A representante autonómica, que estivo acompañada na clausura polos alcaldes de Moraña e Valga, José Cela e José María Bello, agradeceu ao persoal desta iniciativa laboral e aos vinte alumnos-traballadores “o seu traballo ao longo deste ano, a súa responsabilidade e o bo desempeño que realizaron durante as súas prácticas para mellorar equipamentos públicos e sendas turísticas”. Ademais, animou aos participantes a que aproveiten as oportunidades que lles brinda a súa gañada formación e a experiencia deste ano “para adentrarse con forza no mercado de traballo”.

O obradoiro de emprego Ulla-Umia IV desenvolveuse dende finais do ano pasado ata este mesmo mes grazas a un investimento de 336.000€ por parte da Xunta de Galicia, que inicialmente o concebiu para nove meses, pero que concedeu unha prórroga para compensar os tres meses da súa paralización polo estado de alarma derivado da crise sanitaria da covid-19 e non prexudicar deste xeito a formación dos participantes.

Durante este ano de actividades, os alumnos-traballadores desenvolveron as súas tarefas nos módulos de Albanelería e Forestal, incluíndo a execución de prácticas en edificios públicos, instalacións municipais e espazos naturais, e tamén recibiron ensinanzas de prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental, entre outras materias.

A representante autonómica realizou deste xeito a súa segunda visita das últimas semanas ás actividades de formación e emprego impulsadas pola Xunta nesta bisbarra, xa que é unha das grandes beneficiarias destas iniciativas laborais dentro da provincia de Pontevedra. Así, a estes dous obradoiros compartidos, hai que engadir o outorgado ao Concello de Caldas de Reis baixo a denominación Os Camiños do Camiño, que comezará nunhas semanas con 15 participantes e 260.000€ de investimento.

Imaxes relacionadas