A Xunta clausura o obradoiro de emprego O Castro, no que investiu 474.000 euros para formar en servizos forestais a 20 persoas desempregadas
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, entregou os diplomas aos participantes, dos concellos de Castroverde, Pol, A Pastoriza, Ribeira de Piquín e Riotorto
A Consellería de Emprego e Igualdade investiu 474.500 euros para financiar o obradoiro de emprego O Castro, no que 20 persoas desempregadas recibiron formación en materia forestal ao tempo que realizaron traballos en espazos públicos dos municipios participantes.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo hoxe entrega dos diplomas acompañado polos alcaldes de Castroverde, José María Arias, e Riotorto, Clemente Iglesias, así como representantes dos outros concellos promotores: Pol, A Pastoriza e Ribeira de Piquín.
En cada un destes municipios traballaron catro alumnos do obradoiro durante o último ano. Neste sentido, cómpre lembrar que o proxecto superou en máis dun terzo a duración e o orzamento inicialmente previsto para compensar o período en que a actividade estivo suspendida por mor da situación sanitaria.
A Consellería tamén subvenciona a contratación de oito dos participantes durante un mínimo de tres meses en empresas do sector situadas nesa zona, para facilitarlles o acceso ao mercado laboral.
Os alumnos formáronse en Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e traballaron en bosques, pistas forestais e camiños. Así, no concello de Riotorto aplicaron tratamentos silvícolas en camiños forestais, como os de Ferreiravella e Vilaseca, e podaron os aligustres da rúa Alcalde Castrín. No da Pastoriza realizaron tratamentos silvícolas e de repoboación do Monte Mudia e na Ribeira de Piquín actuaron nos camiños forestais municipais en Boel; en Pol no camiño entre Rioxoán e Valonga, o do Monte do Tombo ou o de Castro de Hermunde, e en Castroverde no Monte da Granda.
Arias explicou que os obradoiros son programas mixtos de formación e emprego adaptados ás peculiaridades e características dos mercados de traballo locais, e neste sentido lembrou que reciben un tratamento prioritario os orientados ás especialidades forestais, seguridade e ambiente, e tamén relativos á construción, instalación e mantemento de infraestruturas de prevención e extinción.
O delegado informou de que no último ano a Xunta leva investidos 11,7 millóns de euros nos obradoiros de emprego da provincia de Lugo, tanto nos que agora están rematando como nos 16 proxectos que toman o relevo e deben dar comezo antes de fin de ano.