Lorenzana pon en valor que o obradoiro de Oleiros permitiu a formación e o emprego de 20 alumnos e a mellora da Finca Tenreiro

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na clausura do taller dual ‘Acondicionamento do parque Finca Tenreiro’ no que os participantes cualificáronse en albanelería e carpintería

Destacou que estes programas, que impulsa a Xunta en colaboración cos concellos, axustan as habilidades dos participantes ás demandas do mercado de traballo, ao tempo que permiten mellorar os espazos públicos

Lorenzana resaltou que catro empresas da contorna posibilitarán que os alumnos que obteñan o certificado de profesionalidade ao rematar o obradoiro poidan completar a súa inserción laboral nas súas compañías
 

Oleiros (A Coruña), 18 de decembro de 2020

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe en Oleiros na clausura do obradoiro Acondicionamento do parque Finca Tenreiro, que estes programas mixtos de emprego e formación permiten abrir novas oportunidades laborais aos seus participantes. Neste caso, Lorenzana sinalou que catro empresas da contorna posibilitarán que as alumnas e alumnos que obteñan o certificado de profesionalidade ao rematar a iniciativa poidan completar a súa inserción laboral nas súas compañías.

A titular de Emprego e Igualdade indicou, deste xeito, a importancia da colaboración entre administracións para incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas, lembrando que os obradoiros de emprego que impulsa a Xunta lévanse a cabo coa colaboración dos concellos. “Esta cooperación está a permitir afondar na mellora da empregabilidade e da igualdade das galegas e galegos”, engadiu.

Lorenzana explicou que os obradoiros teñen como obxectivo axustar as habilidades dos participantes ás demandas reais do mercado de traballo. No programa de Oleiros, un total de 20 persoas desempregadas completaron a súa formación e obtiveron un contrato laboral nas especialidades de Fábricas de albanelería e Traballos de carpintería e moble. Esta cualificación permitiu que se restaurara o edificio principal da finca Tenreiro que se converterá nun albergue xuvenil cando conclúan os traballos.

Os obradoiros, deste xeito, permiten non só mellorar a formación das persoas sen emprego e optar a un contrato laboral, senón que posibilitan a mellora de espazos públicos. “A través deste tipo de programas todos saímos gañando: os participantes, as empresas e a contorna da que forma parte o obradoiro”, subliñou Lorenzana.

A conselleira, así, volveu a mostrar a súa aposta polo desenvolvemento dos obradoiros de emprego para avanzar cara o obxectivo de garantir un emprego estable e de calidade para todas as galegas e galegos. Lembrou que a última convocatoria de axudas dos obradoiros, xunto cos programas integrados de emprego, permitirán o desenvolvemento en toda Galicia de 96 iniciativas (62 obradoiros duais e 34 programas integrados) para incrementar a formación e as oportunidades laborais de 4.628 persoas desempregadas grazas a un investimento de 30 millóns de euros.

Imaxes relacionadas