A Xunta forma a pemes transfronteirizas en Responsabilidade Social Empresarial como clave para obter emprego de calidade
A Consellería de Emprego e Igualdade estreou hoxe un ciclo de webinars sobre o papel da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) en tempos da covid-19
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, anunciou que a Xunta creará oficinas de asesoramento en materia de RSE nas catro provincias e un programa de acompañamento en materia de igualdade de oportunidades no mundo empresarial
O Goberno galego promove programas de axuda para implantar a RSE, a igualdade laboral e medidas de conciliación nas pequenas e medianas empresas
A Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Emprego e Igualdade, estreou hoxe en Santiago de Compostela un ciclo de webinars sobre o papel estratéxico da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) en tempos da covid-19 dirixido a pequenas e medianas empresas transfronteirizas. Elena Mancha, directora xeral de Relacións Laborais, coordinou a sesión e alentou aos representantes empresariais a afondar na transformación dos seus modelos de negocio para incorporar a conciliación e a igualdade laboral como valores, que permitan avanzar na obtención de emprego de calidade, unha das liñas estratéxicas do Goberno galego.
A Consellería de Emprego e Igualdade desenvolve a iniciativa a través do proxecto Xeneación de emplrego de calidade transfronteirizo (Gemcat) cofinanciado polo Programa de cooperación interrexional de España-Portugal (Poctep). As webinars que hoxe comezan estenderanse ata o próximo mes de febreiro co obxectivo de acompañar ás pemes transfronteirizas na transformación da xestión dos modelos de negocio para pór á fronte conceptos como a sustentabilidade e responsabilidade social.
Tal e como relatou Elena Mancha, “o fomento da Responsabilidade Social Empresarial é unha das liñas estratéxicas nas que a Xunta de Galicia está a traballar co obxectivo de crear emprego de calidade” máis aínda no actual contexto sanitario.
Galicia conta cun programa propio de axudas para implantar a RSE, a igualdade laboral ou a conciliación laboral nas pemes e apoia a obtención de certificacións na materia, así como as boas prácticas, por medio dos premios RSE-Galicia.
A Xunta conta cunha estratexia propia de RSE “cuxo obxectivo é mellorar a xestión da Responsabilidade Social ao longo dos dous próximos anos”, lembrou a directora xeral. Para iso, impulsaranse novas actuacións, tal e como anunciou, como programas de titorización e formación, o programa RSE+I de mentorizaxe en igualdade de oportunidades ou a creación dun centro virtual de coñecemento a través do cal se poña a disposición das empresas unha contorna de teleformación.
Mancha anunciou a maiores que se crearán oficinas de asesoramento en materia de RSE nas catro provincias galegas a través das cales se desenvolverán actividades de divulgación como charlas, obradoiros telemáticos, encontros con expertos, asesoramento personalizado e actuacións de dinamización con sectores e asociacións.
Elena Mancha incidiu en que as webinars que hoxe se estrearon constitúen un bo exemplo da proactividade da Xunta nesta materia, coa finalizade de transmitir coñecementos prácticos para que as empresas galegas e portuguesas adapten os modelos de negocio en contacto con profesionais con experiencia na materia.
As pemes xa contaban cunha ferramenta gratuíta de autodiagnose (Xunta pro RSE) que permite avaliar as actuacións en materia socio-laboral, ambiental e económica, seguindo estándares nacionais e internacionais nesta materia. Existe, por outra banda, unha oficina de asesoramento en materia de RSE e un programa (Responsabilízate) que nas dúas edicións de traxectoria permitiu formar a 256 pemes en RSE.