Fernández-Tapias pon en valor a dualidade dos obradoiros de emprego que permiten alternar a formación coa práctica laboral

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo acudiu hoxe á clausura de 'Redondela Vila Bela III', o taller de emprego no que se formaron 20 persoas en colocación de pedra natural e axardinamento e agricultura ecolóxica

Puxo en valor a importancia da cualificación especializada e da continuidade de iniciativas que permiten incrementar as posibilidades de atopar un traballo

Cifrou en 12 millóns de euros o investimento do Goberno galego en programas de impulso á formación para o emprego na área territorial de Vigo

Avogou pola colaboración entre administracións para impulsar entre todos unha Galicia con máis oportunidades laborais, máis igualitaria e máis sostible

Redondela (Pontevedra), 18 de decembro de 2020

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, animou hoxe ao alumnado que finalizou a súa formación no obradoiro de emprego 'Redondela Vila Bela III' a seguir formándose na procura de maiores oportunidades laborais.

Deste modo, Fernández-Tapias puxo en valor a axenda deseñada polo Goberno galego para impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo de Galicia baseado no crecemento e no coñecemento. O fixo durante a clausura deste taller, organizado polo concello de Redondela e ao que o Goberno galego destinou preto de 478.000 euros. Uns talleres que, tal e como sinalou a representante autonómica, permiten alternar a formación para o emprego coa practica laboral, contribuíndo así a inserción laboral das persoas desempregadas.

No que respecta a este obradoiro, 20 persoas tiveron a oportunidade nos últimos 9 meses de formarse e optar a un contrato de traballo en colocación de pedra natural e axardinamento e agricultura ecolóxica. Todos eles recibiron de mans da delegada territorial e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

O obxectivo, incidiu Fernández-Tapias é ofrecer ás persoas demandantes de emprego unha cualificación especializada para incrementar as posibilidades de atopar un traballo, ao tempo que destacou a aposta do Goberno galego por ofrecer unha formación á carta das necesidades do tecido empresarial.

En canto a nova convocatoria do 2020-2021, detallou que a Consellería de Emprego e Igualdade destina 12 millóns de euros a programas de impulso á formación para o emprego na área territorial de Vigo. Destes, 1,7 millóns de euros para impulsar 5 obradoiros duais na área territorial (Vigo, Redondela, Mos, Gondomar e Salvaterra) e 3 de garantía xuvenil (Vigo, Redondela e Mos), que se porán en marcha antes de finalizar o ano.

En canto aos programas integrados de emprego, dixo, permitirán a celebración dun total de 15 iniciativas, das que 5 están dirixidas exclusivamente a mulleres, para incrementar a formación e as oportunidades laborais das persoas desempregadas nos municipios da área territorial cun investimento de 3,7 millóns de euros.

Xa por último, fixo referencia aos preto de 4,9 millóns de euros que destina o Executivo autonómico ás unidades formativas para persoas desempregadas, 303 acciones que beneficiarán a un total de 4.525 alumnos e alumnas da área territorial viguesa.

Imaxes relacionadas