A Xunta colabora na contención dos restos de gasóleo detectados tralo afundimento dun buque pesqueiro na Ría de Aldán

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia decretou o peche cautelar das bateas de reparqueo existentes na zona pois os polígonos de mexillón xa estaban pechados

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

A Xunta, a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, está a colaborar con Salvamento Marítimo do Estado nos traballos de contención e limpeza dos restos de gasóleo que apareceron como consecuencia do afundimento do buque pesqueiro Cacheria Segundo na ría de Aldán. Ante esta situación, o Executivo galego vén de activar o Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) en situación 2, é dicir, o nivel medio de emerxencia, de xeito preventivo ante a aparición de combustible na entrada da ría.

A Consellería do Mar comunicou a activación do plan da comunidade autónoma de Galicia á Delegación do Goberno, a quen lle solicitou a activación do Plan Marítimo Nacional, que é o que corresponde ao tratarse dun episodio no mar e mentres non chegue á costa.

O Servizo de Gardacostas de Galicia xa mobilizou o buque Irmáns García Nodal á zona do afundimento para sumarse aos efectivos de Salvamento Marítimo do Estado, que coordina o operativo, co obxectivo de conter e limpar os restos de combustible. Tamén está na zona seguindo os traballos o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto.

A contaminación foi detectada por un avión de Salvamento Marítimo que realizou un voo de observación pola zona e, como medida preventiva, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) estableceu tamén o peche cautelar das bateas de reparqueo existentes na zona pois os polígonos de mexillón xa estaban pechados.

Os niveis de activación do Plan Camgal adáptanse aos utilizados por Protección Civil segundo indica o Sistema Nacional de Resposta e son Situacións 0, 1, 2 e 3. A situación 0 actívase cando se sospeita que unha contaminación significativa pode chegar á costa, tanto se procede do mar como dunha instalación en terra. A situación 1 fai referencia ao nivel mínimo de emerxencia, a situación 2 ao nivel medio e a 3 ao nivel máximo de emerxencia.