A Xunta inviste 500.000 € no obradoiro Creas II de Santiago que permitiu a rexeneración do Monte do Viso e a mellora de Pedra Castro
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na clausura deste programa de emprego e formación e na entrega dos diplomas aos 20 alumnas e alumnos
O obradoiro, que se desenvolveu na contorna da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, tamén incluíu a elaboración das web do parque forestal do municipio
Lorenzana destacou que a iniciativa é unha porta á inserción laboral das persoas desempregadas ao alternar a formación para o emprego coa práctica laboral real, profesionalización e adquisición de experiencia
Sinalou a importancia da colaboración entre administracións para crear emprego en Galicia e lembrou que o Concello de Santiago recibiu desde 2012 case tres millóns de euros de apoio da Xunta para a realización de obradoiros de emprego
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na clausura do obradoiro de emprego Creas II que, ademais de formar a 20 alumnos e alumnas e darlles unha oportunidade laboral, permitiu levar a cabo a rexeneración do Monte Viso, melloras silvícolas en Pedra Castro e a elaboración e mantemento das páxinas web do parque forestal deste municipio.
A iniciativa, que conta cun apoio da Xunta de preto de 500.000 euros, supón, en palabras da conselleira, “unha porta á inserción laboral das persoas desempregadas ao alternar a formación para o emprego coa práctica laboral real, profesionalización e adquisición de experiencia”.
En concreto, os alumnos e alumnas, que hoxe recibiron os diplomas, adecuaron o Monte Viso da cidade para usos recreativos, rexeneraron a zona con vexetación autóctona e recuperaron a cuberta arbórea da contorna. Tamén se acometeron actuacións para mellorar a conectividade da senda peonil para maior desfrute da veciñanza de Santiago.
Lorenzana, que estivo acompañada polo alcalde de Santiago, Xosé Antonio Bugallo, destacou tamén a importancia da colaboración entre administracións para crear emprego en Galicia. Ao respecto, lembrou que a Administración autonómica investiu desde 2012 case tres millóns de euros en apoios ao Concello de Santiago para a realización destes obradoiros de emprego. “É necesario seguir traballando xuntos pola empregabilidade e con ánimo de que as accións formativas tamén poidan reverter na mellora da comunidade”, engadiu. Así, a titular de Emprego e Igualdade anunciou que o vindeiro ano realizarase unha nova edición deste programa, o Creas III, que proseguirá co labor que se vén facendo nos últimos anos.
A conselleira afirmou que o obxectivo destes programas é favorecer a empregabilidade das persoas sen emprego e ao mesmo tempo acometer intervencións de recuperación de patrimonio histórico, desenvolver oficios artesanais ou mellorar a conservación de rutas do Camiño de Santiago, entre outros.
Lorenzana, por último, volveu a mostrar a súa aposta polo desenvolvemento dos obradoiros de emprego para avanzar cara o obxectivo de garantir un emprego estable e de calidade para todas as galegas e galegos. Lembrou que a última convocatoria de axudas dos obradoiros, xunto cos programas integrados de emprego, permitirán o desenvolvemento en toda Galicia de 96 iniciativas (62 obradoiros duais e 34 programas integrados) para incrementar a formación e as oportunidades laborais de 4.628 persoas desempregadas grazas a un investimento de 30 millóns de euros.