A Xunta achega 420.000 euros para facilitar a contratación de axentes de emprego en 44 concellos lucenses
O delegado territorial, Javier Arias, destacou que o Goberno galego potencia o papel das entidades locais na dinamización económica e a xeración de postos de traballo
A Consellería de Emprego e Igualdade destina 420.000 euros a facilitar a contratación de 44 axentes de emprego e desenvolvemento local que prestarán servizo en 46 concellos de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que a Xunta reedita un ano máis este programa, que contribúe a configurar unha rede especializada que potencia o papel das entidades locais como motor de dinamización económica local.
Os axentes de emprego teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, apoiando a constitución de pequenas e medianas empresas no municipio. Desempeñan diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado ou asesores puntuais de proxectos de empresa.
Entre outros cometidos, analizan a evolución e repercusión das medidas activas de emprego na súa zona de actuación, e colaboran co resto dos integrantes da rede na procura da mellora da súa calidade, intercambiando coñecementos e experiencias, así como desenvolvendo actividades e proxectos conxuntos. Deste xeito, favorecen a existencia dun tecido empresarial máis estable, a diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.
Os contratos asínanse por un ano e a Xunta colabora no financiamento dos custos salariais totais dos axentes, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos. A porcentaxe da axuda depende do número de persoas desempregadas rexistradas no municipio ou de que se unan varios concellos para prestar o servizo. En Lugo, a maior contía recíbena os concellos de Riotorto, Meira e Ribeira de Piquín, que fixeron a única proposta agrupada que se rexistrou na provincia.