A Xunta pon en marcha un segundo obradoiro dual de emprego en Vilanova de Arousa para formar este ano a 36 desempregados cun investimento de case 700.000€
A delegada territorial, Luisa Piñeiro, e o alcalde Gonzalo Durán inauguran ‘Vista Real VI’, que se desenvolverá durante nove meses con vinte participantes nos módulos de Xestión de Redes de Voz e Datos e Instalación e Mantemento de Xardíns
Destaca a “forte aposta da Xunta pola formación e o traballo” na bisbarra do Salnés, xa que disporá de oito obradoiros para 156 persoas entre o municipio vilanovés, Vilagarcía de Arousa, Cambados e a Mancomunidade
A Xunta investirá na próxima convocatoria de axudas dos obradoiros de emprego máis de 30,2 millóns en toda Galicia co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo
Vilanova de Arousa, 4 de xaneiro de 2021.- A Consellería de Emprego e Igualdade vén de poñer en marcha un segundo obradoiro dual de emprego no Concello de Vilanova de Arousa, xa que á iniciativa laboral de hostalaría para menores de 30 anos que arrancou hai un mes vén de unirse Vista Real VI, o que permitirá formar este ano a 36 persoas desempregadas do municipio cun investimento global de case 700.000€.
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, que inaugurou este novo obradoiro hoxe ao mediodía co alcalde Gonzalo Durán no Pazo de Vista Real, destacou a “forte aposta do Goberno galego pola formación, a inserción e o traballo” no concello, xa que vai dispoñer de dous obradoiros, e na bisbarra do Salnés, que é a que disporá da maior oferta de toda a provincia de Pontevedra
Nesta comarca desenvolveranse oito obradoiros duais, catro para mozos e outros catro para xente de todas as idades, que se celebrarán tamén nos concellos de Vilagarcía de Arousa e Cambados e en Sanxenxo e Ribadumia no caso dos dous concedidos á Mancomunidade. En total, serán oito iniciativas laborais cun investimento de 2,75 millóns de euros que formarán e mellorarán a empregabilidade de 156 participantes.
A representante autonómica animou aos alumnos-traballadores a “aproveitar esta oportunidade e desenvolver un bo labor de aprendizaxe para gañar coñecementos e experiencia e obter o certificado de profesionalidade, xa que elo contribuirá decisivamente a dispoñer de máis opcións laborais no regreso ao mercado de traballo cando finalice esta formación no outono de 2021”.
O obradoiro de emprego Vista Real VI desenvolverase nos módulos de Xestión de Redes de Voz e Datos e Programación e de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes, que terán dez participantes cada un e nove meses de duración e complementaranse con ensinanzas en materias como prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental, entre outras. Ademais, os alumnos-traballadores disporán da posibilidade, ao seu remate, de optar a contratos de prácticas por espazo de tres meses en empresas da zona para completar a súa formación e facer unha toma de contacto no mercado laboral en torno aos seus oficios.
En total, a Consellería de Emprego e Igualdade concedeu un total de 22 obradoiros duais de emprego no período 2020-2021 para a provincia de Pontevedra, dos que oito son para mozos e mozas e están orientados exclusivamente a desempregados de ata 30 anos de idade, cun investimento global próximo aos 7,5 millóns de euros.
Ademais, o Consello da Xunta acaba de autorizar a convocatoria de axudas para a realización de obradoiros de emprego durante o período 2021-2022. A Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros na próxima quenda co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A previsión da Administración autonómica é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas (62 obradoiros duais e 19 para mozos e mozas).