Luisa Piñeiro destaca a "forte aposta da Xunta pola formación e o emprego" en Lalín coa participación de 120 desempregados no obradoiro dual e o programa integrado cun investimento de 600.000€
A delegada territorial e o alcalde Xosé Crespo inauguran a iniciativa 'Foresta Lalín III', que se desenvolverá durante nove meses e na que toman parte vinte persoas sen traballo cun investimento de 346.946€
O PIE concedido á Asociación de Empresarios de Deza mellorará a empregabilidade de cen mulleres e está previsto que comece este mes de xaneiro cunha aportación de 250.000€ do Goberno galego
A Xunta investirá na próxima convocatoria de axudas dos obradoiros de emprego máis de 30,2 millóns en toda Galicia co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, destacou hoxe a “forte aposta do Goberno galego pola formación, a inserción e o emprego” no Concello de Lalín e na bisbarra do Deza, xa que un total 120 persoas desempregadas participarán no obradoiro dual Foresta Lalín III, inaugurado esta mañá, e no Programa Integrado de Emprego (PIE) concedido á Asociación de Empresarios de Deza (AED) cun investimento global próximo aos 600.000€.
A iniciativa Foresta Lalín III comezou hai uns días e celebrou esta mañá o seu acto oficial de apertura na Aula da Uned, emprazada no parque empresarial Lalín 2000, coa presenza da representante autonómica e do alcalde de Lalín, Xosé Crespo. Este obradoiro vai contar coa participación dunha vintena de persoas desempregadas durante os vindeiros nove meses grazas a un investimento da Xunta de Galicia de 346.946€.
Os alumnos-traballadores distribuiranse nos módulos de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e de Repoboacións Forestais e Tratamentos Silvícolas, dando continuidade deste xeito ás tarefas formativas das dúas edicións anteriores. Os participantes tamén recibirán ensinanzas complementarias en materias como prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental, entre outras, e grazas ao formato dual terán a posibilidade, ao remate do obradoiro, de contar cun contrato de prácticas de tres meses en empresas da contorna.
Luisa Piñeiro animou aos participantes a “aproveitar esta oportunidade e desenvolver un bo labor de aprendizaxe para gañar coñecementos e experiencia e obter o certificado de profesionalidade, xa que elo contribuirá decisivamente a dispoñer de máis opcións laborais no regreso ao mercado de traballo cando finalice esta formación no outono de 2021”.
Así mesmo, engadiu que a proposta formativa e laboral da Xunta de Galicia para Lalín terá continuidade, dende este mesmo mes, co inicio do PIE da patronal dezana, que contará coa participación dun cento de mulleres grazas a un investimento de 250.000€ e da que se agarda “unha importante porcentaxe de inserción no mercado de traballo”.
22 obradoiros na provincia
En total, a Consellería de Emprego e Igualdade concedeu un total de 22 obradoiros duais de emprego no período 2020-2021 para a provincia de Pontevedra, dos que oito son para mozos e mozas e están orientados exclusivamente a desempregados de ata 30 anos de idade, cun investimento global próximo aos 7,5 millóns de euros.
Ademais, o Consello da Xunta acaba de autorizar a convocatoria de axudas para a realización de obradoiros de emprego durante 2021-2022. A Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros na nova convocatoria co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A previsión da Administración autonómica é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas (62 obradoiros duais e 19 para mozos e mozas).