A Xunta entrega os diplomas ás 20 persoas participantes no obradoiro de emprego 'Río Neira II', ao que a Xunta destinou case 473.000 euros
O delegado territorial, Javier Arias, participou na clausura do taller, que se desenvolveu nos concellos de Láncara, Baralla, As Nogais e Triacastela
Arias destacou que estes programas supoñen unha oportunidade de formación para as persoas desempregadas e aumentan as súas opcións de acceder a un posto de traballo
A Xunta de Galicia entregou os diplomas ás 20 persoas alumnas-traballadoras que participaron durante o último ano no obradoiro de emprego Río Neira II, promovido polo Concello de Láncara asociado cos de Baralla, As Nogais e Triacastela.
O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, participou na clausura do taller, que se impartiu na modalidade de pavimentos e albanelaría de urbanización. A iniciativa foi financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade cun investimento de 472.900 euros, incluída a prórroga para compensar o período de suspensión da actividade por mor da pandemia do coronavirus.
As obras realizadas no marco deste proxecto no municipio de Láncara foron a rehabilitación do lavadoiro de Piñeiroa e da fonte pública de Reboredo. En Baralla instalouse un muro de peche no vial de acceso ao núcleo de Pol; en Triacastela foron reconstruídos muros de contención de mampostería e nas Nogais acondicionouse o lavadoiro de Lamazás para facer un alxibe contraincendios, rehabilitouse a fonte pública de Nullán e acondicionáronse camiños para facilitar o acceso dos servizos de emerxencias, en concreto un vial en Vilaicente e outro entre Castelo e A Serra.
Arias lembrou que os obradoiros supoñen unha oportunidade para gañar coñecementos e experiencia e obter un certificado de profesionalidade, “o que contribúe a que as persoas desempregadas que participan neles teñan máis opcións de acceder ao mercado laboral”.
Segundo salientou, nas últimas semanas xa se puxeron en marcha moitos dos talleres de emprego aprobados na última convocatoria de axudas da Xunta, que na provincia de Lugo financia este ano 14 obradoiros duais de emprego que se desenvolverán en 40 municipios e suporán a contratación de 341 persoas, entre alumnos-traballadores e persoal de dirección, administración e monitores.