Luisa Piñeiro inaugura o obradoiro de emprego dual de Caldas de Reis centrado no Camiño de Santiago

Esta iniciativa desenvolverase durante nove meses con quince participantes no módulo de Actividades Auxiliares en Conservación e Aproveitamentos Forestais grazas a un investimento de 260.000€ da Consellería de Emprego e Igualdade

A representante autonómica destaca a “forte aposta da Xunta pola formación e o traballo” na provincia, que conta este ano con 22 obradoiros duais, oito deles para menores de 30 anos, cun orzamento de case 7,5 millóns de euros

Caldas de Reis, 12 de xaneiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, inaugurou esta mañá o obradoiro de emprego dual Os Camiños do Camiño en Caldas de Reis, que acometerá a mellora de diversos espazos da ruta de peregrinaxe portuguesa ao seu paso polo municipio coincidindo co Xacobeo 21-22.

A representante autonómica, que inaugurou esta nova iniciativa laboral na compaña do alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, na Fábrica da Luz, destacou a “forte aposta pola formación, a inserción e o traballo” que vai desenvolver a Consellería de Emprego e Igualdade ao longo deste na ano na provincia de Pontevedra, xa que ten en marcha un total de 22 obradoiros, oito deles para menores de 30 anos, grazas a un investimento global de case 7,5 millóns de euros.

O obradoiro Os Camiños do Camiño contará coa participación de quince alumnos-traballadores, que se formarán e mellorarán a súa empregabilidade ao longo dos vindeiros nove meses no único módulo de Actividades Auxiliares en Conservación e Aproveitamentos Forestais a través dunha achega do Goberno galego de 260.000€.

Os participantes complementarán a súa formación con ensinanzas en materias como prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental, entre outras. Ademais, disporán da posibilidade, ao seu remate, de optar a contratos de prácticas por espazo de tres meses en empresas da zona para completar a súa formación e facer unha toma de contacto no mercado laboral en torno a estes oficios.

Luisa Piñeiro animou aos alumnos-traballadores de Caldas de Reis a “aproveitar esta oportunidade grazas a este obradoiro impulsado pola Xunta e desenvolver un bo labor de aprendizaxe para gañar coñecementos e experiencia e obter o certificado de profesionalidade, xa que elo contribuirá decisivamente a dispoñer de máis opcións laborais no regreso ao mercado de traballo cando finalice esta formación no outono de 2021”. Ademais, destacou a importancia, especialmente no actual contexto da crise sanitaria, de percibir unha remuneración mensual do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e dunha paga e media de carácter extraordinario durante os próximos nove meses, “xa que permitirá misturar a formación coa percepción de ingresos nun momento no que pode ser de gran importancia para as familias”.

Por outra banda, o Consello da Xunta acaba de autorizar a convocatoria de axudas para a realización de obradoiros de emprego durante o período 2021-2022. A Xunta investirá máis de 30,2 millóns de euros na próxima quenda co obxectivo de que 1.500 persoas sen emprego amplíen a súa formación ao tempo que acceden a un contrato de traballo. A previsión da Administración autonómica é poñer en marcha, en colaboración cos concellos e as entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, un total de 81 programas (62 obradoiros duais e 19 para mozos e mozas).

Imaxes relacionadas