A Xunta aboou a 900 negocios da Coruña as axudas solicitadas pola hostalería dentro do Plan de rescate por un total de 2,4 M€
Na provincia 3.116 locais de hostalería obtiveron apoios que suman 8 millóns de euros
O Goberno galego xa está a traballar nun segundo plan de rescate cunha liña específica de apoio á hostalería, e propón ás deputacións e concellos que se sumen ás axudas da Xunta para crear un fondo de cooperación covid-19 consensuado co sector
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá un encontro cos representantes da Federación de Autónomos de Galicia para trasladarlles as propostas da Xunta de apoio e este colectivo e para escoitar as súas necesidades nestes difíciles momentos.
En materia económica, e no marco do Plan de Rescate posto en marcha polo Goberno galego, o delegado da Xunta salientou que, desde o inicio da pandemia, un total de 14.700 negocios de hostalería, o que supón o 70% destes negocios na nosa comunidade, tiveron acceso ás axudas establecidas para obter liquidez e facer fronte ás restricións sanitarias necesarias para evitar a propagación da covid-19.
A Xunta deseñou tres liñas de apoios complementarias entre si das que se puideron beneficiar os establecementos de restauración, bebidas e aloxamento e dirixidas ás persoas traballadoras autónomas, microempresas e especificamente ao sector da hostalaría. Así, o 25% dos hostaleiros que tiveron que pechar accederon tamén á axuda dirixida a autónomos, e o 22% de hostaleiros obtiveron a maiores unha achega de microempresas. Finalmente, o 14,5% dos hostaleiros beneficiáronse das tres liñas de axudas. Trenor recalcou que “a axuda mínima percibida por un mes de peche foi de 1.500 euros e a máxima de 24.500 euros”.
O representante do Goberno autonómico concretou tamén os datos por cidades. Na cidade da Coruña 900 negocios tiveron dereito ás axudas con achegas que suman 2,4 millóns de euros, representan o 51% dos establecementos de hostalería. O número de solicitudes presentadas foi de 1.056 e aceptouse o 85,2% das peticións.
Na provincia 3.116 negocios de hostalería accederon a axudas que suman 8 millóns de euros. O número de solicitudes foi de 3.502 (pagouse xa o 89% das solicitudes presentadas).
Gonzalo Trenor lembrou a proposta do sector e do Goberno autonómico de crear un fondo de cooperación covid-19 que materialice o traballo conxunto de Xunta, deputacións e concellos. Neste senso, destacou a colaboración manifestada pola Xunta para poñer en marcha este novo plan de axudas e que se faga de forma coordinada de xeito que o Goberno autonómico aportará o 50%, as catro deputacións o 30% e os concellos o 20% restante, na liña do modelo da Comunidade Autónoma de Valencia. “Todas as administracións teñen que colaborar coa hostalería e temos que facelo de forma conxunta como solicitan os propios afectados. Neste senso, mostrou a súa confianza en que a proposta plantexada polos propios hostaleiros conte tamén co apoio do goberno provincial e dos respectivos concellos”, recalcou.
Trenor insistiu en que “nesta nova fase apelamos máis que nunca á implicación de todos. É o momento de actuar con altura de miras, máis aló de cores políticas ou debates estériles sobre competencias”. O representante do Goberno galego recalcou que “somos moi conscientes de que estamos pedindo un descomunal novo esforzo ao tecido empresarial para preservar a saúde de todos galegos e galegas, pero ese sacrificio virá acompañando de novos apoios directas ao sector e agardamos que sexa de forma coordinada como eles mesmos nos solicitan”.