A Xunta resalta as políticas activas e o traballo coas entidades da discapacidade como chaves para acadar o emprego inclusivo
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe por videoconferencia na presentación de In-Red, a patronal dos centros especiais de emprego e entidades que traballan en materia de discapacidade intelectual
Puxo en valor programas como ‘Galicia Emprega’ ou a formación dual da Xunta para persoas con discapacidade intelectual como claves para lograr a súa ocupación
A Xunta ofreceu a In-Red ser parte activa nas súas propostas en materia de inclusión
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe por videoconferencia desde Santiago de Compostela na presentación pública de In-Red, a recentemente creada patronal de centros especiais de emprego e entidades da discapacidade intelectual e afíns, na que comprometeu colaboración da Xunta para “dar voz aos intereses económicos e sociolaborais comúns das entidades que prestan servizos a persoas con discapacidade intelectual”.
“Na situación actual, faise precisa unha colaboración o máis estreita e efectiva posible entre os actores sociais, máis aínda se nos referimos a un colectivo especialmente vulnerable e sensible aos efectos da crise da covid-19, como é o caso das persoas con discapacidade intelectual”, especificou no acto a conselleira, quen destacou que co emprego “desenvólvese un valor social e, en última instancia, tamén persoal, como a reafirmación da nosa potencialidade”. Neste sentido a Xunta, tal e como relatou Lorenzana, cre fundamental incidir na busca de condicións laborais dignas “onde non exista discriminación por ningún motivo”.
A educación, a formación e o emprego, incidiu Lorenzana, “será o que rache dunha vez por todas o estigma que afecta a este colectivo e, dunha maneira máis xeral, o que nos axude a avanzar cara unha sociedade máis xusta, onde se recoñeza ao individuo pola súa valía e non pola súa condición”.
Na presentación, a titular de Emprego e Igualdade quixo deixar patente o compromiso da Xunta polas persoas con discapacidade intelectual, que se materializa nas políticas activas para promover o emprego inclusivo, así como mediante a colaboración con entidades que defenden os intereses do sector.
Programas como Galicia Emprega, cunha liña de apoio á contratación en empresa ordinaria das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social (dotada con 3,4 millóns euros), as axudas á contratación en concellos e entidades sen ánimo de lucro, (dotada con 27,9 millón de euros); ou o programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego son bo exemplo da aposta do Goberno galego pola ocupación das persoas con discapacidade.
“Consideramos a formación dual, entendida como un réxime de alternancia entre emprego e cualificación, como a medida máis efectiva para mellorar a contratación do colectivo”, especificou a conselleira. A Xunta está a desenvolver, neste eido, un novo programa piloto do que se beneficiarán 60 persoas con discapacidade intelectual, dotado cunha inversión de máis de 2 millóns de euros entre os anos 2019 e 2022.
No que respecta á colaboración con asociacións e entidades que loitan pola inclusión social e laboral das persoas con discapacidade intelectual, a Xunta mantén reunións periódicas con elas para estudar de xeito conxunto o desenvolvemento de políticas de inclusión social efectivas e liñas de colaboración na busca de finalidades compartidas.
“Entendemos que In-Red vai acadar no futuro próximo un papel preponderante na defensa e posta en valor dos dereitos sociais e laborais das persoas con discapacidade intelectual”, animou Lorenzana aos representantes da nova patronal, á que ofreceu ser “parte activa” nas propostas que se leven a cabo.