A Xunta apoia o impulso da sostibilidade e a Responsabilidade Social Empresarial nas pemes como clave para incrementar o emprego de calidade
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nunha webinar sobre o papel da RSE en tempos da covid-19, unha iniciativa que forma parte dun ciclo de charlas organizado pola Xunta, en colaboración con Gemcat, para apoiar a implantación da RSE nas pemes transfronteirizas
O Goberno galego promove programas de axuda para implantar a RSE, a igualdade laboral e medidas de conciliación nas pequenas e medianas empresas
Mancha sinalou que a Xunta traballa na posta en marcha de oficinas de asesoramento en materia de RSE nas catro provincias e nun programa de acompañamento en materia de igualdade de oportunidades no mundo empresarial
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe en Santiago de Compostela por videoconferencia nunha webinar sobre Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e sostibilidade que forma parte do ciclo de charlas iniciado no mes de decembro e que está a facer a Xunta, en colaboración co Gemcat, para apoiar a implantación da RSE nas pemes transfronteirizas como clave para obter emprego de calidade. En palabras de Mancha, esta iniciativa supón o compromiso da Administración autonómica coa mellora continua das empresas, a obtención de instrumentos para incrementar a sostibilidade e, deste xeito, acadar o mellor posicionamento nos mercados, sumando os conceptos de beneficios e de empresa responsable co seu entorno.
A quinta webinar celebrada hoxe abordou os conceptos fundamentais asociados á sostibilidade e a RSE, unha temática elixida polos propios participantes e que se suma a outros aspectos abordados con anterioridade como a implantación da RSE, igualdade e diversidade, ODS ou comunicación e greenwashing. Así, a xornada tivo como obxectivo aclarar os conceptos básicos sobre sostibilidade e a súa evolución. A webinar contou coas intervencións de Marina Gutiérrez, emprendedora da marca de cosmética natural MAAR e de Andrés Souto, fundador de Van en Bikke, servicio de mensaxería Cero CO2. Os dous expertos expuxeron as claves dos seus proxectos para axudar a outras pemes a impulsar a sostibilidade nos seus negocios.
O ciclo de webinars desenvólvese a través do proxecto Xeneación de emprego de calidade transfronteirizo (Gemcat) cofinanciado polo Programa de cooperación interrexional de España-Portugal (Poctep). O reto é acompañar ás pemes transfronteirizas na transformación da xestión dos modelos de negocio para pór á fronte conceptos como a sustentabilidade e responsabilidade social. Tal e como relatou Elena Mancha, “o fomento da Responsabilidade Social Empresarial é unha das liñas estratéxicas nas que a Xunta de Galicia está a traballar co obxectivo de crear emprego de calidade” máis aínda no actual contexto sanitario.
Galicia conta cun programa propio de axudas para implantar a RSE, a igualdade laboral ou a conciliación laboral nas pemes e apoia a obtención de certificacións na materia, así como as boas prácticas, por medio dos premios RSE-Galicia.
Estratexia de RSE
O Goberno galego, ademais, conta cunha estratexia propia de RSE “cuxo obxectivo é mellorar a xestión da Responsabilidade Social ao longo dos dous próximos anos”, lembrou a directora xeral. Para iso, impulsaranse novas actuacións como programas de titorización e formación, o programa RSE+I de mentorizaxe en igualdade de oportunidades ou a creación dun centro virtual de coñecemento a través do cal se poña a disposición das empresas unha contorna de teleformación.
Crearanse, así mesmo, oficinas de asesoramento en materia de RSE nas catro provincias galegas a través das cales se desenvolverán actividades de divulgación como charlas, obradoiros telemáticos, encontros con expertos, asesoramento personalizado e actuacións de dinamización con sectores e asociacións.
Elena Mancha incidiu en que as webinars constitúen un bo exemplo da proactividade da Xunta nesta materia, coa finalizade de transmitir coñecementos prácticos para que as empresas galegas e portuguesas adapten os modelos de negocio en contacto con profesionais con experiencia na materia.
As pemes xa contaban cunha ferramenta gratuíta de autodiagnose (Xunta pro RSE) que permite avaliar as actuacións en materia socio-laboral, ambiental e económica, seguindo estándares nacionais e internacionais nesta materia. Existe, por outra banda, unha oficina de asesoramento en materia de RSE e un programa (Responsabilízate) que nas dúas edicións de traxectoria permitiu formar a 256 pemes en RSE.