A Xunta salienta o papel dos xestores administrativos no apoio que prestan e empresarios e autónomos

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, Pilar Otero, mantiveron hoxe un encontro por videoconferencia

Ambas as dúas recoñeceron o traballo profesional dos xestores para apoiar a autónomos e microempresas nas súas relacións coas administracións

A Xunta promove a tramitación áxil das solicitudes do 2º Plan de Rescate sen que a burocracia poda supor un atranco para os solicitantes

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2020

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe por videoconferencia desde Santiago de Compostela unha xuntanza coa presidenta do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia, Pilar Otero Moar, ante quen expuxo o rol fundamental que desempeña este colectivo de mais de 600 profesionais á hora de axudar a autónomos e empresas nos trámites que están a realizar ante as administracións por mor da pandemia, tanto na xestión dos Ertes como na solicitude das axudas dos sucesivos plans de rescate da Xunta de Galicia.

Así, a conselleira puxo en valor o papel dos xestores que é, segundo apuntou, fundamental pola súa especialización na tramitación das axudas e lembrou que as ordes xa publicadas do 2º Plan de Rescate tratan de simplificar ao máximo os requisitos e as solicitudes, porque sinalou que os trámites non poden supor unha carga engadida a quen peor o está a pasar nestes momentos.

A titular de Emprego e Igualdade lembrou que no primeiro plan de axudas, a Xunta recibiu máis de 40.000 solicitudes e pagou todas as que cumprían os requisitos en tempo récord. No caso do segundo plan de rescate, cuxas solicitudes a Administración autonómica empezou a tramitar o pasado venres, 19 de febreiro, xa se levan presentadas máis de 27.000.

Imaxes relacionadas