A Xunta difunde entre o alumnado de Xestión Forestal de Santiago a campaña A túa vida sen voltas para fomentar o uso seguro do tractor

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), realizará hoxe e o mércores no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) dúas webinares para concienciar sobre o risco de envorco e as súas consecuencias

Un total de 50 alumnos e profesores dos módulos de maquinaria e instalacións agroforestais e de xestión dos aproveitamentos do medio forestal participarán nesta actividade

A campaña, dirixida ao sector agrario e forestal, inclúe un documento técnico de información do que se están a distribuír de 600 exemplares

A cultura preventiva sobre os riscos laborais desde as etapas formativas é un dos eixos principais do Plan de actividades do Issga para 2021 para promover comportamentos seguros nos que serán os futuros profesionais

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), desenvolverá hoxe e o mércores dúas webinares dirixidas a 50 alumnos e profesores do CIFP Santiago sobre a campaña A túa vida sen voltas para fomentar o uso seguro do tractor e que se aumente o número de tractores provistos de estrutura de protección e cinto de seguridade. Os participantes nesta actividade cursan na actualidade os módulos de Maquinaria e instalacións agroforestais e de Xestión dos aproveitamentos do medio forestal, que corresponden ao Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural, da familia profesional agraria, nos que o tractor será unha das súas ferramentas de traballo.

A actuación pretende, polo tanto, acadar a concienciación mediante a formación e a información respecto ao risco de envorco e as súas consecuencias desde as etapas formativas como é a Formación Profesional (FP) co obxectivo de promover comportamentos seguros nos que serán os futuros profesionais do sector agrario e forestal. Así, os aspectos que se van tratar nas dúas webinares son os factores de risco, a gravidade das lesións, as medidas preventivas e de protección, a condución segura e o simulador de envorco de tractor.

A campaña A túa vida sen voltas, dirixida ao sector agrario e forestal, foi deseñada polo Issga en colaboración co Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e enmarcase dentro do Plan Nacional de Sensibilización en Prevención de Riscos Laborais, elaborado polo grupo de traballo do sector agrario da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no traballo, no que o Issga participa activamente. Na actualidade estanse a distribuír 600 exemplares do documento técnico que se elaborou con información referente ao uso seguro do tractor. Para o desenvolvemento desta actuación, o Issga conta coa colaboración da Axencia da Industria Forestal (Xera), dos axentes sociais e das cooperativas co fin de chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros, traballadores forestais e todos aqueles que teñan relación coa utilización do tractor no agro galego.

A campaña incide na importancia da prevención en grupos de idades avanzados, xa que unha gran maioría dos sinistros con tractor non teñen a consideración de accidentes de traballo, xa que os sofren principalmente persoas maiores de 65 anos e nunha alta porcentaxe persoas con idade incluso máis avanzada.

Imaxes relacionadas