A Xunta xa perfila no seo do Diálogo Social e a Mesa Autónomos o 3º Plan de Rescate
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe xuntanzas cos representantes do Diálogo Social e cos interlocutores das persoas traballadoras autónomas
O novo plan activarase cos cartos que o Goberno central achegará ás Comunidades Autónomas, pero a Xunta advirte que a maior burocracia esixida polo Estado para a tramitación dos fondos pode retardar a xestión das axudas
Lorenzana reclamou que se teña en conta que o 97% do tecido empresarial galego está integrado por autónomos e microempresas, polo que “o peso que debería ter Galicia en canto a contía a transferir debería ter relación con esa realidade”
O Goberno galego recibiu máis de 40.000 solicitudes no marco do 2º Plan de Rescate cuxo prazo vence mañá e a día de hoxe xa abonou máis de 8 millóns do mesmo
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta está a traballar xa no deseño dun 3º Plan de Rescate dirixido ao tecido empresarial galego, que se nutrirá dos fondos que o Estado achegue á Comunidade Autónoma galega.
Lorenzana reuniuse hoxe mesmo por videoconferencia desde Santiago de Compostela cos representantes do Diálogo Social -Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), CCOO e UXT- e coa Mesa do Traballo Autónomo para abordar os aspectos do novo plan. “Non queremos esperar nin un segundo, queremos ter preparadas as bases das axudas para comezar a tramitalas en canto teñamos os cartos”, manifestou a conselleira.
A día de hoxe, tal e como comentou Lorenzana, “non sabemos a contía da transferencia que se vai facer á Comunidade de Galicia”. Neste sentido, a titular de Emprego e Igualdade reclamou que se teña en conta no reparto que o 97% do tecido empresarial galego está integrado por persoas traballadoras autónomas e microempresas. “O peso que debería ter Galicia en canto a contía a transferir debería ter relación con esa realidade”, matizou.
Outra das prioridades apuntadas pola Xunta pasa pola axilidade na tramitación. “Queremos simplificar, na medida do posible e dentro da marxe que deixe a Administración Xeral do Estado, a xustificación que van ter que presentar autónomos e microempresas para poder cobrar estas axudas”, dixo.
Tal e como reflectiu a conselleira “é moito máis sinxelo de tramitar o plan autonómico que o plan tal e como o concibe o Goberno estatal”. “É certo que en Galicia temos avanzado moito, temos unha plataforma informática fantástica e penso que temos todas as engranaxes para facelo do xeito máis rápido posible, dentro das limitacións burocráticas que poña o Estado”, matizou.
Lorenzana manifestou a súa preocupación porque, ao seu criterio, o Estado deseñou un procedemento “mais burocrático” que “vai complicar moitísimo a tramitación das axudas”. Entre outras medidas, Lorenzana puxo en cuestión que se estableza unha orde de prelación requirindo ás empresas unha serie de xustificantes de gastos sobre os que se repercutirá a axuda.
8 millóns entregados
A Xunta iniciou os pagamentos tanto da liña de hostaleiros como de autónomos e microempresas e a día de hoxe xa entregou 8 millóns de euros dos 75 millóns que dotan o 2º Plan de Rescate. Recibíronse máis de 40.000 peticións.
Xa están realizados o 20% dos pagamentos da liña de autónomos e un millón de euros dirixidos a microempresas.
Lorenzana lembrou que mañá remata o prazo de solicitude das axudas destinadas a empresarios hostaleiros e outros establecementos pechados por mor das medidas sanitarias activadas en xaneiro aínda que hoxe se iniciaron xa os pagamentos dos apoios.