Oito alumnos do obradoiro de emprego de Portomarín están a acondicionar os parques urbanos e zonas verdes da localidade

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou os labores de recuperación que se levan a cabo no xardín vertical de Parabéns

A Consellería de Emprego e Igualdade destina 353.000 euros a esta iniciativa que ofrece formación e emprego a un total de 20 persoas de tres concellos lucenses
 

Portomarín (Lugo), 10 de abril de 2021.- Oito alumnos do obradoiro de emprego Camiño de Santiago I están a traballar no acondicionamento de parques urbanos e zonas verdes de Portomarín. En concreto, durante estes días encárganse da posta a punto do parque Parabéns, onde se levan a cabo tarefas de limpeza e reposición de plantas no xardín vertical e nas contorna.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou a marcha dos traballos acompañado do tenente de alcalde do municipio, Pablo Rivas, entre outros. O obradoiro está promovido polos concellos de Palas de Rei, Monterroso e Portomarín, e financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 353.000 euros. Conta cun total de 20 alumnos traballadores, seis deles na especialidade de Promoción turística local e información ao visitante e o resto na de Instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes.

Os participantes van rotando polos distintos municipios, realizando labores relacionadas coas materias do obradoiro. Tras superar o período de aprendizaxe teórica e práctica, recibirán o certificado de profesionalidade oficial que os acredita para exercer o oficio en calquera parte do Estado.

Arias subliñou que os obradoiros son “unha das ferramentas máis valoradas no marco das políticas de emprego”, dado que ofrecen aos participantes experiencia laboral a través dun contrato de traballo en profesións con boas perspectivas de empregabilidade, mentres que para os concellos promotores supoñen a posibilidade de acometer obras e servizos de interese social en beneficio da comunidade.

No caso de Portomarín, os labores máis complexos realízanse no xardín vertical de Parabéns, que se reforma en profundidade. Para elo foi preciso preparar o terreo, sobre o que se estendeu unha lona que se cubrirá cun tapiz vexetal e macetas con plantas de distintas cores. Na parte baixa constrúese un muro de contención de pedra e o remate superior elaborarase en madeira.

Ao mesmo tempo, os participantes comezaron tamén cos labores de limpeza e mantemento do parque Manuel de Blas, o de maior superficie, no que se actuará sobre as zonas axardinadas e limparanse tamén os elementos de mobiliario urbano. Con posterioridade, realizarán intervencións similares nos xardíns das capelas de San Pedro e San Nicolás.

Pola súa banda, o módulo de promoción turística vai elaborar guías cos principais atractivos turísticos de cada un dos concellos participantes e actualizará a información turística en distintos formatos.

O delegado gabou a decisión dos tres concellos integrantes de centrar o obradoiro no embelecemento das zonas verdes e na promoción turística, “contribuíndo así a ofrecer a súa mellor cara neste Xacobeo bianual”.

Ao respecto, lembrou que a Xunta está a prestar tamén especial atención ao patrimonio natural e monumental do Camiño, con medidas sobre a propia ruta, as igrexas e outros elementos singulares da contorna. Entre outras, acometeu as obras de restauración da igrexa de San Xoán de Portomarín -cun investimento de case 250.000 euros-.
 

Imaxes relacionadas