A Xunta apoia o labor do centro especial de emprego de Utramic na Coruña cun compromiso coa entidade dunha axuda de máis de 257.000 euros

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou as instalacións deste centro que conta con 40 traballadores dedicados á reciclaxe de residuos

O orzamento distribuído para a comarca da Coruña, na convocatoria vixente 2020-2021, é de 2,1 millóns de euros para apoiar a 17 centros especiais de emprego
 

A Coruña, 13 de abril de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o centro especial de emprego Utramic, fundado en 1992 para levar a cabo a reciclaxe de residuos tanto de orixe industrial como urbanos. Na actualidade o seu persoal está composto por máis de 40 persoas, das cales o 96% son traballadores con algún tipo de discapacidade.

Trenor destacou que este tipo de centros de traballo contan cunha importante achega da Xunta para poder levar a cabo a integración laboral entre persoas que teñan un grao de discapacidade superior ou igual ao 33%. Utramic recibiu, na convocatoria 2020-2021, unha achega para poder manter a súa actividade de máis de 257.000 euros. Estes apoios convócanse de forma bianual pola Consellería de Emprego e Igualdade.

O representante do goberno autonómico destacou que “na comarca da Coruña desde a Xunta de Galicia estamos apoiando 17 centros especiais de emprego nos que investimos, na última convocatoria de axudas 2020-2021, 2,1 millóns de euros”. A actuación enmárcase no orzamento global que a Xunta está destinando cada ano a programas específicos para o emprego inclusivo das persoas.
 

Imaxes relacionadas