A Xunta licita o servizo de divulgación e educación ambiental da aula da natureza do Siradella por 98.000€ para os próximos dous anos

O delegado territorial, Luis López, visita estas instalacións públicas no Concello do Grove e anuncia a apertura desta contratación para garantir o funcionamento deste centro ata xuño de 2023

Este recinto céntrase na Zona de Especial Protección para as Aves Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, na Zona Especial de Conservación Complexo Ons-O Grove e na Zona Ramsar Complexo intermareal Umia-O Grove e recibiu 11.651 visitantes nos dous últimos anos malia a pandemia

As tres Aulas da Natureza públicas do Siradella, O Courel e O Veral, dependentes da Consellería de Medio Ambiente, están abertas ao público e en funcionamento con protocolos de seguridade sanitaria e control de aforos fronte á covid-19
 

O Grove, 13 de abril de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de licitar o servizo de deseño e execución de campañas de divulgación e educación ambiental da Aula da Natureza do Siradella cun orzamento de case 98.000 euros para os dous vindeiros anos.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, achegouse ata esta instalación pública emprazada no Concello do Grove para informar da apertura deste proceso de contratación, que permitirá adxudicar a xestión deste centro dende o mes de xuño durante dous anos ata mediados de 2023.

“Temos unhas instalacións naturais de primeiro nivel nun enclave privilexiado dun municipio de gran forza medioambiental e paisaxística e queremos seguir poñéndoas en valor e potenciando os recursos desta península e de toda a súa contorna, polo que poñemos en marcha este proceso para seguir atendendo aos milleiros de visitantes que pasan cada ano polo Siradella”, explicou o representante autonómico.

Ademais, Luis López destacou que as tres Aulas da Natureza públicas, a do Siradella, O Courel e do Veral, no Concello de Lugo, están abertas ao público e en funcionamento co establecemento de estritos protocolos de seguridade sanitaria e control de aforos fronte á covid-19 “co obxectivo de ir recuperando pouco a pouco espazos e actividades para a cidadanía de xeito seguro, pero sen deixar de lado as necesarias medidas para manter a raia ao coronavirus”.

Actividade do centro

A Aula da Natureza do Siradella centra as súas actuacións na área de influencia da Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA) do Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira e na Zona de Especial de Conservación (ZEC) do Complexo Ons-O Grove, así como no humidal protexido de importancia internacional Ramsar denominado Complexo intermareal Umia-O Grove.

Este recinto, que conta cunha exposición permanente sobre estes espazos naturais protexidos para dar a coñecer os seus valores ambientais, culturais e patrimoniais, recibiu un total de 11.651 visitantes nos dous últimos anos malia a lóxica diminución rexistrada polos peches temporais e as restricións sanitarias derivadas da pandemia. Ademais, gran parte dos visitantes, o 35%, son nacionais e incluso un 3% procede do estranxeiro.

Entre as actividades realizadas por este centro, destacan as rutas dos miradoiros, dos pilros e das lagoas, a senda litoral do Castrelo, as visitas ao sistema dunar da Lanzada ou os paseos guiados polos xardíns da Toxa, así como as actividades divulgativas con obradoiros e charlas informativas sobre aves, cetáceos ou especies invasoras, os contidos dixitais e virtuais, a atención a grupos organizados ou as conferencias e iniciativas cos centros educativos, entre as que destacan a observación de especies de aves limícolas e anátidas tanto en paso como invernantes.
 

Imaxes relacionadas