A Xunta apoia ás empresas de inserción laboral con axudas para o inicio de actividade, formación e creación de emprego

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago de Compostela por videoconferencia nos Encontros Empresariais que organiza a Asociación de Empresas de Inserción Laboral de Galicia (Aeiga) en colaboración coa Xunta de Galicia

Sinalou que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste este ano 800.000€ para apoiar a contratación dun cento de persoas en risco de exclusión social a través das empresas de inserción laboral

Puxo en valor a aposta da Xunta polo emprego inclusivo a través da Axenda 20 destinando en 2021 á economía social máis de 33M€, un 22% máis que en 2020

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago de Compostela por videoconferencia nos Encontros Empresariais que a Asociación de Empresas de Inserción Laboral de Galicia (Aeiga) organiza en colaboración coa Xunta.

Na súa intervención, Toca puxo en valor o traballo que realizan as empresas de inserción laboral que son aquelas que proporcionan aos seus traballadores medidas personalizadas de apoio, os seus cadros de persoal están formados nun 30% como mínimo por persoas en risco ou situación de exclusión social e aplican o 100% dos seus resultados á mellora ou ampliación das estruturas produtivas vinculadas á inserción laboral dos seus traballadores ou a programas de inserción laboral das súas entidades promotoras.

A directora xeral sinalou que a Xunta está a poñer en marcha diversas ferramentas para manter o emprego en Galicia fronte á covid-19 e, neste senso, lembrou que a Administración autonómica xa convocou o programa de axudas dirixido ás empresas de inserción laboral para a contratación de persoas en risco de exclusión social, unha iniciativa que, segundo apuntou, garante que as dificultades que poidan sufrir estas entidades como consecuencia da pandemia non supoñan prexuízo algún para obter as axudas autonómicas.

A Consellería de Emprego e Igualdade investirá este ano nesta actuación 800.000 euros -un 5,6% máis que en 2020- co obxectivo de impulsar o emprego dunhas cen persoas por parte das empresas de inserción. Esta iniciativa forma parte da Axenda 20, a través da que se destinará e á economía social en 2021 máis de 33 millóns de euros, un incremento do 22% con respecto a 2020.

Estes apoios, polo tanto, van dirixidos ás empresas de inserción laboral para a contratación de persoas en risco ou situación de exclusión social que estean así cualificadas polo Sistema Galego de Servizos Sociais. As persoas en proceso de inserción laboral poderán estar contratadas un máximo de 3 anos. Non se apoiarán contratacións inferiores a 6 meses nin xornadas laborais inferiores ao 50%.

O programa da Xunta, que prevé pagamentos anticipados de ata o 90% da axuda concedida, inclúe dúas liñas: axudas para o mantemento do custo salarial dos traballadores e, doutra banda, incentivos para compensar os custos adicionais do emprego, como por exemplo, os gastos derivados do proceso de creación das empresas ou de formación dos empregados, entre outros.

No primeiro caso, a Administración Autonómica financia os custos salariais cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual (incluídas dúas pagas extras) por cada traballador contratado.

A segunda liña de axudas, que se pode solicitar ata o próximo 30 de setembro, conta con sete tipos de apoios diferentes. Así, incentívase a asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación das empresas de inserción laboral, o inicio e posta en marcha da actividade e a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en proceso de inserción laboral, sempre que os novos contratos estean relacionados coas actividades desenvolvidas pola empresa de inserción.

Así mesmo, a Consellería de Emprego e Igualdade financia a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción; a contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción; a formación das persoas en proceso de inserción laboral; e a transformación de contratos en indefinidos. Neste último caso, apoiarase con 6.000 euros a contratación de persoas en proceso de inserción laboral nunha empresa ou a transformación dun contrato en indefinido na mesma compañía de inserción laboral. Esta contía tamén se concederá para aquelas persoas que se convertan en autónomos ou se incorporen como socios traballadores a unha sociedade cooperativa ou laboral.

Imaxes relacionadas