A Xunta estuda cos interlocutores sociais fórmulas para anticipar o 80% das axudas do 3º Plan de rescate e simplificar a burocracia esixida polo Estado
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co Diálogo Social e da Mesa do Emprego Autónomo para avanzar nas bases do 3º Plan de rescate que activará a Xunta cos 234M€ que transferirá o Estado
O Goberno galego insiste en que o descenso de facturación debe ser o criterio a aplicar en contra das previsións do Estado, que limita as actividades económicas que poden recibir as axudas
Preocupa que os fondos insuficientes do Estado non cheguen aos pequenos autónomos e empresarios, polo que a Xunta é partidaria de facer unha reserva específica para estes sectores
A Xunta vén de asinar hoxe mesmo o convenio co Ministerio de Facenda e a Axencia Estatal de Administración Tributaria, previo á transferencia dos fondos que Galicia espera percibir de xeito inmediato
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe novos encontros cos integrantes do Diálogo Social -Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), UXT e CCOO- e coa Mesa do Emprego Autónomo para avanzar nas bases do 3º Plan de Rescate que a Xunta activará en canto o Estado transfira os 234 millóns de euros previstos.
O Goberno galego insiste en que o Plan incorpore a todos os sectores afectados pola pandemia e non limite as actividades con dereito a percibir as axudas, como vén de facer o Real Decreto 5/2021 do Estado. “O criterio que estamos propoñendo é que se estendan as axudas a todas as empresas que amosen unha perda de facturación”, manifestou hoxe a conselleira. Con esa pauta, a conselleira espera consensuar as bases das axudas, con axentes sociais, tal e como se fixo no 1º e no 2º plan de rescate.
Nas xuntanzas de hoxe, Lorenzana abordou cos representantes do tecido empresarial e os sindicatos o “mecanismo complexo” imposto polo Estado para distribuír as axudas. Adiantou que a Xunta espera poder simplificar o procedemento que “o estado vén de complicar” coa esixencia de xustificacións previas moi complexas nas solicitudes que, segundo indicou, poden dilatar moito o procedemento.
O obxectivo da Xunta é facer un procedemento semellante aos dous plans de rescate anteriores. A Xunta estuda fórmulas para poder adiantar o 80% da axuda solicitada. Os solicitantes simplemente terán que presentar unha declaración responsable sobre o cumprimento dos requisitos do Real Decreto. O 20% restante chegará unha vez comprobado que efectivamente se cumpre con esas esixencias. “Co mecanismo que ten establecido o Estado é imposible o pago inmediato do importe total da axuda”, afirmou Lorenzana.
Tal e como destacou Lorenzana, por outra banda, a Xunta e os interlocutores sociais e empresariais están preocupados pola distribución dos cartos que poden limitar o seu acceso a autónomos e pequenas empresas. Propuxo, neste sentido, unha reserva de fondos neste terceiro plan. Tal e como subliñou o importe máximo da axuda pode chegar ata 200.000 euros para as grandes empresas e os 234 millóns son unha cantidade insuficiente para facer fronte e que “os pequenos autónomos non se vexan prexudicados, ou dalgunha maneira, absorbidos na distribución”, especificou.
Convenio asinado
Por outra banda, a Xunta de Galicia vén de asinar hoxe o convenio entre a Comunidade Autónoma de Galicia, o Ministerio de Facenda e a Axencia Estatal de Administración Tributaria que permitirá a transferencia a Galicia dos fondos estatais. O convenio contempla o intercambio de información entre as administracións tributarias para a acreditación das condicións e requisitos de elixibilidade e dos criterios para a fixación da contía das axudas.
A Xunta agarda a inmediata transferencia dos fondos co obxectivo de sacar a orde este mesmo mes de maio.