Lorenzana avoga por políticas de emprego e igualdade que consoliden un mercado laboral “resistente e flexible” fronte á covid-19

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na Coruña, na Escola Universitaria de Relacións Laborais, nunha charla sobre políticas sociolaborais

Sinalou a importancia de aumentar os esforzos destinados á consecución da igualdade laboral e da corresponsabilidade familiar ao indicar que a recuperación económica e social de Galicia precisa da contribución de todos e de todas

Puxo en valor os programas para incentivar a contratación, apoiar o emprego autónomo e a economía social, promover a formación de calidade, loitar contra a violencia de xénero e avanzar na incorporación das mulleres ao mercado de traballo

Destacou as actuacións postas en marcha para paliar os efectos da pandemia como os dous plans de rescate para apoiar e manter o emprego en Galicia con máis de 160M€ mobilizados nos últimos seis meses
 

A Coruña, 26 de abril de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe na Coruña polo desenvolvemento de políticas de emprego e igualdade que contribúan a consolidar un mercado de traballo “resistente e flexible” fronte aos efectos da covid-19. Na súa intervención nunha charla sobre políticas sociolaborais, que tivo lugar na Escola Universitaria de Relacións Laborais, destacou que a Xunta promove o emprego e a igualdade en Galicia para perseguir como fin último un aumento do benestar social a partir dun mercado laboral “máis accesible e dinámico”.

Tras dar unha visión global sobre as políticas sociolaborais que desenvolve a Consellería de Emprego e Igualdade , expoñer as funcións de cada unha das direccións xerais que a integran e da Secretaría Xeral da Igualdade, e explicar a súa estrutura, sinalou que o emprego ea igualdade deben ir da man para manter e aumentar os esforzos destinados á consecución da igualdade e da corresponsablidade laboral, ao indicar que “a recuperación económica e social de Galicia precisa da contribución de todos e de todas”.

Para iso, o orzamento da Consellería é este ano de 355 millóns de euros, un 32% máis respecto ao 2020, o que supón o presuposto máis alto de toda a serie histórica tanto na área de igualdade como na de emprego para poñer en marcha programas e iniciativas para loitar contra a violencia de xénero, incentivar a contratación, apoiar o emprego autónomo e a economía social, promover a formación de calidade, impulsar o diálogo
social, promover a formación de calidade de persoas traballadoras desempregadas e ocupadas e avanzar na incorporación das mulleres ao mercado de traballo. “Exercemos activamente competencias encamiñadas á promoción, coordinación, control e execución de medidas de igualdade laboral, conciliación e corresponsabilidade da vida persoal, familiar e laboral nas empresas”, matizou.

Neste senso, sinalou a importancia e a necesidade de seguir avanzando na incorporación das mulleres ao mercado laboral, de garantir a súa permanencia no emprego e de asegurar a igualdade das súas condicións de traballo para fomentar a súa promoción profesional”.

Formación e contratación

Lorenzana, así mesmo, puxo en valor algúns dos programas específicos que desenvolve a Consellería para apoiar a formación e a contratación das persoas con máis dificultades para acceder a un traballo como é o Galicia Emprega, con catro liñas de axudas para favorecer o emprego das mulleres, as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, parados de longa duración e menores de 30 anos. Tamén resaltou as iniciativas encamiñadas a apoiar a contratación nas entidades sen ánimo de lucro e nos concellos galegos, así como os programas de formación. E sobre a economía social indicou que representa hoxe un sector en crecemento en Galicia e conta cunha maior capacidade de resistencia á variabilidade do mercado, o que ten permitido a supervivencia das empresa en crise.

Por último, a conselleira sinalou as actuacións para paliar os efectos da covid-19 e os plans de rescate postos en marcha pola Xunta que mobilizaron nos últimos seis meses máis de 160 millóns de euros para apoiar o mantemento do emprego dos autónomos e os sectores e actividades económicas especialmente afectadas polos efectos da crise sanitaria. Referiuse tamén ao estudo profundo que está a facer a Consellería sobre as necesidades formativas e innovacións tecnolóxicas precisas para adaptarse ao mercado laboral e acadar mellores taxas de emprego en Galicia.

En definitiva, Lorenzana explicou que as extraordinarias circunstancias derivadas da pandemia outorgan, se cabe, un maior protagonismo ás áreas de igualdade e emprego de cara á recuperación económica e social de Galicia, o que fai necesario seguir desenvolvendo políticas sociolaborais activas para fomentar o benestar social a curto, medio e longo prazo.