A Xunta crea o catálogo da economía social para identificar os retos dunha fórmula empresarial que representa o 7% do PIB galego
A iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade recollerá as diferentes entidades que figuran inscritas e activas nos distintos rexistros administrativos
É un catálogo único en Galicia con carácter público ao que se poderá acceder a través de medios electrónicos
Unha aplicación informática permitirá a través de dispositivos fixos ou móbiles a súa consulta e a actualización de datos para os usuarios autorizados
Os órganos con competencias en rexistro de entidades de economía social terán que notificar e remitir á Xunta anualmente unha relación das inscricións efectuadas relativas á constitución, fusión, transformación ou disolución
A Xunta vén de crear o catálogo de entidades e empresas de economía social de Galicia que recolle todas as compañías desde ámbito que figuran inscritas e activas nos diferentes rexistros administrativos. A iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade permitirá unha mellora no estudo do impacto desta fórmula empresarial na comunidade autónoma galega e na identificación dos seus retos. O seu obxectivo é presentar unha imaxe real e pormenorizada da tipoloxía de entidades existentes.
O catálogo será único en Galicia con carácter público ao que se poderá acceder a través dunha aplicación informática que permitirá a consulta en liña a través de dispositivos fixos ou móbiles e a actualización dos datos polos usuarios autorizados. Calquera persoa poderá, deste xeito, acceder e efectuar unha busca a través de parámetros tales como tipo de entidade, localidade ou sector de actividade. Poderá descargarse o listado de resultados e, ademais, unha ficha resumo de datos ou ben un dossier informativo, no caso de que a propia entidade o engadise.
O catálogo, en definitiva, incluirá os diferentes tipos de entidades recollidos na Lei de economía social de Galicia como son, entre outros, as cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral, centros especiais de emprego, confrarías de pescadores, mutuas, sociedades agrarias de transformación e comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común. Os órganos con competencias en rexistro de entidades de economía social en Galicia terán que notificar e remitir á Xunta anualmente unha relación das inscricións efectuadas relativas á constitución, fusión, transformación e disolución.
Para a Xunta, a economía social é un motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador, centrado nas persoas e asentado no territorio. Trátase dun modelo económico en crecemento en Galicia que representa en torno ao 7% do PIB. Conta cunha maior capacidade de resistencia en épocas de crise e está a xogar un papel clave á hora de mitigar o impacto que a covid-19 está a xerar.
A Xunta pretende con esta iniciativa dar unha maior visibilidade á economía social e a súa aportación á sociedade galega, xa que é para o Goberno galego un modelo de empresa que ten un papel decisivo como motor da reactivación económica por formar parte da esencia dos galegos e galegas e por ter demostrado tradicionalmente gran resiliencia ante os cambios. A Administración autonómica, por iso, está a investir este ano máis de 33 millóns á economía social, un 22% máis que en 2020.