A Xunta avanza na formación dixital dos autónomos cun novo curso sobre comercio online

Arranca o primeiro seminario dixital 4 claves para un negocio online, dentro do marco do programa Autónomos Dixitais, impulsado pola Consellería de Emprego e Igualdade

A iniciativa, que contou coa participación da diretora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, enmárcase nas medidas específicas que o Goberno galego está a adoptar para facer fronte á covid-19 debido ao incremento do comercio electrónico nas etapas de confinamento da poboación
 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2021

A Administración autonómica considera que o impulso á dixitalización e o comercio electrónico a través da formación son claves para o reposicionamento dos negocios locais e de proximidade, así o expuxo a directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Emprego e Igualdade, Zeltia Lado, na apertura do primeiro seminario dixital 4 claves para un negocio online, dentro do programa Autónomos Dixitais, unha iniciativa da Xunta de Galicia para formar a persoas traballadoras autónomas en alta ou que tiveron que pechar os seus negocios por mor da pandemia da covid-19.

A directora xeral destacou a canle online coma unha aliada para os pequenos negocios no estalido da actual pandemia. Lado declarou que contar cunha plataforma e-commerce “permite ás persoas traballadoras autónomas e ás pemes darse a coñecer dentro do enorme mundo da internet” para acadar deste xeito, remarcou, unha igualdade dentro do actual mercado nun contexto onde o comercio por internet segue a crecer, cun 72% de cibernautas entre 16 e 70 anos en España que empregan a rede como principal canle de compra. Con este afán o goberno galego deseñou xa no ano 2020, na emerxencia da crise sanitaria, o programa Autónomos Dixitais para capacitar dixitalmente ás traballadoras e traballadores nunha situación onde “non podemos deixarvos sós”, enfatizou Lado, en referencia ás persoas en traballo autónomo e onde “as persoas” están no centro das políticas de formación e emprego da Xunta.

O programa Autónomos Dixitais foi presentado o pasado mes de maio pola conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, con 1200 participantes na primeira edición e que se dirixe a catro perfís: o da mocidade (menores de 30 anos); mulleres; persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da covid-19; e, tamén, as persoas traballadoras autónomas maiores de 45 anos. Cada perfil consta de dous cursos gratuítos en formato dixital: un básico sobre fundamentos do comercio electrónico e outro avanzado para a especialización no e-commerce. Cada curso consta de 50 horas de formación e ao remate os alumnos e alumnas recibirán un diploma de aproveitamento avalado pola Xunta.

Imaxes relacionadas