A Xunta entrega o premio do certame ‘Cooperativismo na escola’ a alumnos do IES Valadares de Vigo
A directora de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, presidiu hoxe no Salón Teatro de Santiago de Compostela o acto virtual de entrega dos premios de cooperativismo en educación secundaria que recaeu no centro vigués
A cerimonia para os alumnos das categorías de educación infantil e primaria celebrarase mañá no mesmo escenario
Un total de 59 centros participaron este ano no certame que promove os valores do cooperativismo tales como a solidariedade ou a participación
Os asistentes puideron desfrutar do espectáculo ‘Os nenos da varíola’ que adapta a novela homónima de María Solar
A Consellería de Emprego e Igualdade fixo hoxe entrega dos premios do certame Cooperativismo na Escola na categoría dirixida a alumnos e alumnas de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), no que resultou gañador o IES Valadares de Vigo. A cerimonia, celebrada no Salón Teatro de Santiago de Compostela, foi retransmitida vía streaming por mor da covid-19, e terá continuidade mañá mércores 16 de xullo noutro acto semellante que terá aos alumnos de Infantil e Primaria como protagonistas.
Covadonga Toca, directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, entregou o galardón aos autores do traballo foi Co2perativa: Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil do Sobreiral de Valadares do IES Valadares de Vigo, que resultou recoñecido na modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida a estudantes de centros de educación secundaria obrigatoria (ESO) e educación especial.
O certame ten por obxectivo difundir e promover o cooperativismo e os seus valores de solidariedade, espírito democrático, participación, actuación colectiva ou solución pactada de conflitos entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.
Un total de 59 centros participaron na presente convocatoria, repartida en tres modalidades: actividades artísticas (infantil e primaria), actividades cooperativizadas (estudantes de ESO e educación especial) e proxectos empresariais cooperativos (dirixida a centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial).
Na entrega de hoxe, os estudantes de ESO puideron desfrutar do espectáculo Os Nenos da Varíola, unha adaptación á escena da novela homónima de María Solar, arredor dunha das maiores xestas médicas levadas a cabo na historia da humanidade e que coloca a cooperación no centro da aventura.
A concesión dos galardóns ao alumnado de infantil e primaria realizarase nun acto previsto mañá mércores 16 de xuño no mesmo escenario. No caso dos proxectos empresariais dos centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial, a entrega realizarase o Día Internacional do Cooperativismo que cada ano se celebra o primeiro sábado do mes de xullo.
Estes premios forman parte da Estratexia galega de economía social 2021 que ten como obxectivo incrementar nun 10% as entidades de economía social, chegando ás 3.300; aumentar nun 20% os empregos, ata os 17.500; e potenciar a presenza feminina nestas entidades.