A Xunta abrirá un campus virtual que impartirá toda a oferta autonómica de formación para o emprego
María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, abriu a IX edición da Feira de Emprego organizada pola Cámara de Comercio da Coruña
A representante da Xunta reafirmou os esforzos do Goberno galego na formación e creación de emprego para a mocidade
O Executivo galego manifesta o seu compromiso coa Cámara de Comercio coruñesa con apoios que superan os 400.000 euros nos últimos 9 anos para o desenvolvemento de accións formativas para persoas desempregadas
Unha Galicia do presente cunha formación de emprego de calidade tamén para a Galicia do mañá, foron dous dos eixos nos que incidiu a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na súa apertura da IX Feira de Emprego da Cámara de Comercio da Coruña, que fixo hoxe de xeito telemático.
Lorenzana incidiu no emprego xuvenil como unha das liñas de actuación da Xunta, con 7.825 menores de 30 anos fóra do paro respecto de hai un ano e cun aumento de 6.720 persoas mozas nas afiliacións á Seguridade Social. Lorenzana afirmou que “Galicia demostra ser unha Comunidade resistente ao desemprego xuvenil”, cunha administración detrás deste colectivo na súa axuda para atopar traballo, como así o demostra o Plan Emprega Xuventude, con apoios de 6.000 euros en contratos indefinidos e 3.000 euros nos dun ano de duración para a xente nova, ou os programas de incentivos ao autoemprego, con axudas de 4.000 euros por novas altas en mozas e mozos.
A conselleira sinalou a vontade do seu departamento na flexibilización da formación dixital e a súa accesibilidade coa creación dun Campus Virtual que centralizará todo a oferta autonómica de formación para o emprego, ademais de estar a impartir xa cursos de formación en comercio electrónico para menores de 30 anos para reposicionar e adaptar os seus negocios á realidade desta nova década.
Nesa Galicia do emprego do mañá traballa a Administración autonómica a través da súa aposta nos Polos de Emprendemento Rural, programa candidato ao financiamento dos fondos Next Generation da Unión Europea, que teñen por fin a creación de 12 zonas socioeconómicas nas que se implementará a análise de mercado para detectar actividades con potencial e financiar novos proxectos empresariais. Nese futuro a mocidade con traballo xoga tamén unha parte esencial na súa continua formación laboral, garantía de ascensor social e benestar, coa extensión por parte da Xunta de Galicia dos estímulos para contratos de formación e aprendizaxe a través dos obradoiros de emprego. Unha formación para o emprego que debe sempre “anticiparse á realidade do mercado de traballo”, recalcou Lorenzana, que afirmou que o departamento de Emprego está a determinar que perfís serán os máis demandados na nosa Comunidade no futuro.
A aposta por unha Galicia mellor, lembrou a conselleira de Emprego e Igualdade, pasa tamén por entidades como a Cámara de Comercio coruñesa, a cal conta co compromiso da Xunta reflectido nos máis de 400.000 euros nos últimos nove anos que a Administración autonómica investiu en liñas de colaboración encamiñadas á posta en marcha de accións para a formación de persoas en situación de desemprego.