A Xunta informa a empresarios da Coruña das axudas do 3º rescate, que reserva 200 M€ a pequenas empresas
A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, celebrou un novo webinario coa Confederación de Empresarios da Coruña (CEC)
A Xunta está a tramitar as axudas de xeito áxil cun sistema de adianto do 100% das contías coa presentación dunha declaración responsable
As persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas afectadas pola covid-19 dispoñen ata o 14 de xullo para cursar as súas solicitudes de axudas directas
A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, mantivo hoxe un encontro virtual coa Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) sobre o 3º Plan de Rescate activado en Galicia cos 234,4 millóns de euros transferidos de fondos do Estado.
Toca lembrou aos participantes que a Xunta quixo priorizar nesta orde as axudas directas para autónomos e pequenos empresarios, que supoñen o 97% do tecido produtivo da Comunidade. Para facelo, o Goberno galego vén de reservar 200 millóns de euros do plan a este colectivo.
O Goberno galego traballa con axilidade na tramitación das solicitudes, a pesares da carga burocrática establecida para este procedemento pola normativa estatal. Galicia estableceu unha fórmula para adiantar o 100% dos pagamentos coa mera presentación, no momento de cursar a petición, dunha declaración responsable.
Toca animou aos empresarios coruñeses a presentar as súas solicitudes se non o teñen feito xa. O prazo remata o próximo 14 de xullo. Anunciou que os que cumpran cos requisitos poderán ter o ingreso na súa conta nun prazo breve grazas a estes anticipos e unha vez comprobada a parte fiscal.
No caso da provincia da Coruña, grazas aos dous plans de rescate anteriores (nos que a Xunta mobilizou máis de 180 millóns de euros) concedéronse 31.689 axudas directas por valor de 61,9 millóns de euros. Delas, case o 50%, 14.669 recaeron no sector da hostalaría, un dos máis afectados pola pandemia. Por cidades, A Coruña e Santiago aglutinaron ata o de agora a meirande parte dos apoios directos dos plans previos con 6.901 e 4.948 axudas percibidas por parte dos seus autónomos e pequenas e medianas empresas.