A Xunta inviste 160.000€ en apoiar a contratación de 40 socorristas en doce concellos das bisbarras de Pontevedra e o Salnés

O delegado territorial, Luis López, informa desta resolución da Consellería de Emprego e Igualdade nunha visita á Praia de Cabeceira xunto ao alcalde de Poio, Luciano Sobral

O departamento autonómico apoia ás entidades locais na contratación de servizos de interese xeral e social de competencia municipal

Este ano invístense 1,5 M€ para colaborar con 163 concellos galegos na contratación de 464 persoas desempregadas para a vixilancia de praias, piscinas e espazos fluviais
 

Poio, 28 de xuño de 2021.- A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria de axudas destinadas aos concellos galegos para apoiar a contratación de servizos de interese xeral e social que sexan de competencia municipal. Ao abeiro desta orde, a Consellería de Emprego e Igualdade vai outorgar case 160.000 euros para a contratación de 40 socorristas en doce concellos das bisbarras de Pontevedra e O Salnés.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, achegouse a primeira hora desta mañá ata a Praia da Cabeceira, no Concello de Poio -que é o segundo maior beneficiario da provincia-, para informar desta resolución xunto ao alcalde, Luciano Sobral.


"Trátase dun apoio fundamental para os concellos que, en moitos casos, terían dificultades para financiar este servizo se non fora pola colaboración da Xunta de Galicia malia que se trata dunha competencia municipal. En todo caso, cremos que é unha cuestión importante, tanto por seguridade como polas necesarias condicións destes espazos turísticos e por suposto nos poñemos, coma sempre, ao lado dos municipios", manifestou o representante autonómico.

En toda Galicia, a Consellería de Emprego e Igualdade destina este ano 1,5 millóns de euros a esta orde de axudas, que beneficia a 163 concellos galegos e permite a contratación de 464 persoas desempregadas e coa capacitación para este servizo de vixilancia de espazos acuáticos.

Esta iniciativa, ademais de apoiar aos concellos na contratación deste persoal, tamén serve para mellorar a formación, experiencia e empregabilidade de persoas desempregadas e engádese a outros programas con este fin promovidos pola consellería, como os obradoiros de emprego, dotados con 30,2 millóns de euros e que benefician a 1.500 persoas; as axudas para a contratación de orientadores laborais, con 280 participantes e 6,8 millóns de euros de orzamento; ou os programas integrados de emprego, que pretenden impulsar a contratación de 3.300 persoas grazas a un investimento de 8,4 millóns de euros neste ano.

A distribución destas achegas para o financiamento do persoal no servizo de socorrismo estival nas comarcas de Pontevedra e O Salnés é a seguinte:

 

 

Concello
Modalidade
Traballadores
Axuda
Sanxenxo
Praia
8
27.468€
Poio
Praia
6
22.800€
Vilagarcía
Praia
7
21.000€
Bueu
Praia
6
19.200€
Marín
Praia
6
18.000€

A Illa de Arousa

Praia
6
18.000€

Ponte Caldelas

Praia fluvial

3
9.000€
Meaño
Piscina
2
6.000€
Ribadumia
Piscina
2
6.000€
Catoira
Piscina
2
4.500€
Moraña
Piscina
1
3.000€
Portas
Piscina
1
3.000€


 

Imaxes relacionadas