Éxito do programa da Xunta 'Galicia Aula Dixital' con máis de 200 participantes

A iniciativa da Consellería de Emprego e Igualdade procura a formación ás mozas e mozos menores de 30 anos para mellorar as súas oportunidades laborais

O programa rematou coa realización dunha etapa do Camiño de Santiago, dende O Pedrouzo (A Coruña) ata a praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela

A formación continua no emprego mediante obradoiros e programas integrados é un eixo prioritario para o Goberno galego

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2021

A iniciativa Camiño á Empregabilidade, lanzada pola Consellería de Emprego e Igualdade, chegou á súa fin co percorrido dunha etapa do Camiño de Santiago, dende O Pedrouzo ata Santiago de Compostela, onde o alumnado do programa puido compartir os seus coñecementos e experiencias nunha camiñata de 20 kilómetros desenvolta en 5 horas, chegando á praza do Obradoiro ás 18:30.
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Galicia Aula Dixital que ten por obxectivo das políticas de emprego en Galicia de chegar a grupos de especial vulnerabilidade no mercado laboral, como son, neste caso os menores de 30 anos e, tamén, os maiores de 45 anos co curso Rumbo á Empregabilidade, co obxectivo, tamén, de impulsar as posibilidades de obter un emprego. Estes cursos tiveron unha afluencia que superou as estimacións previstas, con máis de 200 alumnos e alumnas inscritas.
O programa, iniciado o 11 de maio, tiña por obxectivo chegar á mocidade menor de 30 anos sen emprego e foi impartido tanto en liña como de xeito presencial. Esta iniciativa procuraba a cualificación en comunicación activa e a profundización das competencias en ferramentas TIC para a mellora en empregabilidade dos e das participantes, ademais da elaboración dun plan de acción personalizado para a procura de emprego. Cada persoa inscrita no programa contou coa titorización dun mentor ou mentora cun seguimento axustado a cada participante.
A capacitación e a formación continua no eido do traballo é unha das vías de acción prioritarias da Consellería de Emprego e Igualdade, con máis de 72 millóns a varios programas neste ámbito, cun 3,3% máis de investimento ca no 2020, favorecendo un ecosistema laboral máis seguro e con maior empregabilidade en Galicia.

Imaxes relacionadas