A Consellería de Emprego e Igualdade concede un obradoiro de emprego para mozos de ata 30 anos ao concello de Vilanova cun investimento de 370.000€
O delegado territorial, Luis López, informa desta resolución nunha visita, co alcalde, Gonzalo Durán, á iniciativa de hostalería Mar de Santiago, que agora terá continuidade cunha segunda edición
O obradoiro celebrará a selección das súas 16 prazas a finais de xullo entre mozos e mozas de 18 a 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
A Xunta inviste 7 M€ na nova quenda de talleres xuvenís con 19 programas e máis de 300 persoas participantes nunha acción que mistura servizos de interese xeral con formación laboral
A Consellería de Emprego e Igualdade vén de conceder un obradoiro de emprego de garantía xuvenil, orientado a mozos de ata 30 anos de idade, ao Concello de Vilanova de Arousa cun investimento de 369.492 euros.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, informou desta resolución esta mesma mañá nunha visita ao Pazo de Vista Real, xunto ao alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, para supervisar a iniciativa de hostalería Mar de Santiago, que agora terá continuidade cunha segunda edición.
"O Concello de Vilanova presentou un proxecto moi atinado e acaído, que recibiu unha das mellores baremacións técnicas no proceso de selección, e por iso vai poder desenvolver, co apoio da Xunta, o obradoiro xuvenil Mar de Santiago II, de gran importancia para a inserción laboral e o turismo de Vilanova e O Salnés, xa que forma a profesionais de hostalería moi demandados nesta contorna", explicou o representante autonómico.
O novo taller para a mocidade celebrará a súa selección posiblemente a finais deste mes de xullo entre mozos e mozas de 18 a 30 anos de idade que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. En total, ofértanse 16 prazas distribuídas a partes iguais entre os módulos de Cociña e Servizos de Restauración, Bar e Cafetería.
Este obradoiro terá unha carga lectiva de 1.920 horas e desenvolverase durante doce meses baixo o formato de programa mixto de emprego e formación, xa que os participantes realizarán obras e servizos de interese xeral e social ao tempo que incrementan a súa cualificación para favorecer a súa posterior inserción laboral.
"Aparte dos beneficios sociais, o taller vai formar axeitadamente a estes rapaces en materias de hostalería e vai mellorar moito as súas condicións de empregabilidade, xa que no Salnés, pola súa condición turística, adoitan demandar moito este perfil, un aspecto que consideramos moi importante para dar resposta ás necesidades do mercado e tamén para minimizar os efectos socioeconómicos da crise sanitaria", sinalou o delegado territorial.
Ademais, os participantes asinarán un contrato de traballo a xornada completa por espazo dos doce meses do obradoiro e terán a posibilidade de optar a un traballo en empresas da contorna por un tempo mínimo de seis meses ao remate da súa formación.
A Consellería de Emprego e Igualdade adica, nesta nova convocatoria de obradoiros de garantía xuvenil, un orzamento de 7 millóns de euros para o desenvolvemento de 19 programas destas características en toda a comunidade que contarán coa participación de máis de 300 personas desempregadas entre os anos 2021 e 2022.