A Xunta destaca a prevención realizada polo ISSGA nos lugares de traballo fronte a pandemia
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe un seminario dixital do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) ante máis de 170 asistentes sobre os retos afrontados pola Unidade de referencia covid-19
Esta unidade da Xunta atendeu máis de 840 consultas técnicas e elaborou 77 documentos para garantir a seguridade nos centros de traballo cunha abordaxe que abrangue áreas como a hixiene industrial, a medicina no traballo ou a psicosocioloxía
O Goberno galego continua a súa labor formativa para acadar contornas laborais máis seguras ademais de destacar o esforzo realizado polos Servizos de Prevención Laboral (SPRL) nas empresas e entidades
A emerxencia da covid-19 xerou unha serie de retos nos lugares de traballo que é preciso avaliar e corrixir mediante o asesoramento e a formación. Con este fin o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) creou unha Unidade de referencia covid-19 que acolle as áreas técnicas de Hixiene Industrial, a Medicina no Traballo e a Psicosocioloxía que hoxe foi avaliada nun webinario con máis de 170 asistentes e a colaboración cos servizos de prevención alleos ASPA-ANEPA, e inaugurado pola directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha.
Tal e como relatou Mancha, os desafíos que tivo diante esta nova unidade, de carácter transitorio, estiveron relacionados co apoio ás solicitudes de prevención no traballo dos Servizos de Prevención Laboral (SPRL) das entidades públicas e privadas, aos que a Xunta quere recoñecer o seu esforzo diario nos momentos máis difíciles da crise sanitaria.
A Xunta a través da Unidade covid-19 leva atendidas máis de 840 consultas técnicas e elaborou 77 documentos (guías, recomendacións preventivas e protocolos tipo por sectores) para garantir a seguridade nos centros de traballo. O obxectivo da iniciativa foi o de asesorar tecnicamente e dar apoio en materia de prevención de riscos laborais como consecuencia da pandemia.
A Xunta puxo este órgano a disposición das empresas, das persoas autónomas, das formadoras, das asociacións profesionais, os servizos de prevención laboral e das administracións públicas. “A responsabilidade das empresas neste contexto de crise sanitaria a través das SPRL está a ser esencial para o desenvolvemento da súa actividade mediante a adaptación aos novos escenarios de prevención” indicou a directora xeral. Este foi outro dos asuntos abordados na segunda parte deste webinario, no que se recoñeceu precisamente a prevención como un factor principal na diminución do risco dentro da contorna laboral e no benestar das persoas traballadoras.
O Executivo galego segue, deste xeito, a facer fincapé na importancia de acadar lugares de traballo máis seguros para as persoas para que así, cunha adecuada formación, poidan continuar o seu labor nun contexto onde a prevención dos riscos está a ser clave na actividade económica.